Arquivo da categoria ‘Enxebre’

Lentes

Publicado: 13/10/2015 em Enxebre

Moitos xa sabedes que esta é a forma correcta no galego de referirse a   , mais aínda así moitos preferides usar o castelanismo gafas. Dende acó, pídovos que usedes a forma correcta “as lentes”; en feminino. Se non queredes dicir lentes, tedes un sinónimo desta palabra que é anteollos. Tanto lentes coma anteollos son válidas e están admitidas no galego, polo tanto, podedes dicir calquera destas 2 palabras, mais tentade evitar usar gafas.

Por certo, no galego non se di lentillas, iso é outro castelanismo, a forma correcta é lentes de contacto.

PD: Como comentou Alexandre, outro termo que se pode usar como sinónimo de lentes é óculos. Esta palabra é a que usan no portugués e podédela pesquisar no Priberam. Ademais, no portugués diferencian ontre o cristal (lentes, de aí que eles digan “lentes de contacto”) e o conxunto, é dicir, os cristais e maila montura (óculos, por iso eles din “óculos de sol” ou “óculos escuros”).

Anúncios

Caderno

Publicado: 09/10/2015 em Enxebre

Moitos xa coñeceredes esta palabra, mais usades esta ou o castelanismo libreta?

Libreta é un termo que non está admitido no galego, mais aínda así, é un castelanismo moi espallado. Porén; a forma correcta no galego é caderno e, aínda que todos coñezan esa palabra e a ninguén lle soe raro ouvila, non son moitos os que a usan. Dende acó vós animo a que usedes caderno no canto de libreta, xa que ese é un castelanismo non admitido.

Como curiosidade, no portugués existen as palabras caderneta, livrete, livreta e livreto que significan; máis ou menos, o mesmo: libro pequeno, caderno pequeno ou libro de apuntamentos. Todos estes termos foron formados a partir de caderno e de livro engadíndolles o sufixo -eta, -ete e -eto. E ademais das anteriores palabras, podemos engardir o sufixo -iño a caderno, formando caderniño; cun significado semellante ás anteriores palabras.

Uns sinónimos de tolo e tolemia son louco e loucura; aínda que estas formas parécenme menos recomendábeis cas outras, xa que se parecen demasiado ás formas do castelán loco e locura, mentres que tolo e tolemia son 2 formas que parecen máis galegas e que non existen no castelán.

Unha que dixen isto, hai outras dúas formas de dicir tolemia e que son tan galegas coma esta; e son tolada e tolaría. Destas 3, podedes usar a que máis vos goste. Aínda hai unha terceira forma, que é tolería; aínda creo que é mellor usar tolaría, xa que a terminación -ería é propia do castelán e a terminación -aría é propia do portugués; por iso é mellor usar -aría.

Ademais hai que ter en conta que o galego e o portugués son moi parecidos e que unha vez foron a mesma lingua, o galego-portugués. De feito, a semellanza entre estas dúas línguas é tan grande, que algúns propoñen que o galego e o portugués seguen a ser a mesma lingua.

Após

Publicado: 07/09/2015 em Enxebre

Esta é unha preposición admitida no galego e no portugués e que equivale a “despois de”. Este termo procede do latín ad+post. Persoalmente, penso que é mellor usar “após”; xa que unha palabra propia do galego-portugués. Exemplos :

Xa irei despois de durmir/ Xa irei após durmir.
Clasificación xeral despois da quinta etapa/ Clasificación xeral após a quinta etapa.
Despois de todo, era un bo rapaz/ Após todo, era un bo rapaz.

Tesoiras

Publicado: 05/09/2015 em Enxebre

Esta é a forma admitida pola RAG, e penso que é a cómpre usar, xa que é a máis galega. Porén, hai bastante xente que usa o castelanismo tixeiras. Esta é unha palabra adaptada ao galego do castelán tijeras, e que é propio do castrapo.  Outras palabras adaptadas son os castelanismos conexo, parexa e lentexa; nos que o único que se fai é cambiar o j polo x, xa que no castelán se di conejo, pareja e lenteja. As formas correctas no galego destas palabras son coello, parella e lentella.

Volvendo ao tema do título, hai outra variante que tampouco está admitida que é tesouras. Dado que non é unha forma descoñecida no galego e, ata certo punto,  é bastante usada; na dobraxe galega tense usado algunha vez. Se ben é certo que é mellor usar tesoura ca tixeiras, iso non quita que tesoura é un lusismo que cómpre evitarmos (polo menos, en contextos formais) e que a forma correcta do galego e a que debemos usar é tesoiras. Tamén hai outra razón de porque a forma admitida é tesoira e non tesoura. Segundo o que di a RAG; nos ditongos ui, oi, ou e outros (tesuira, tesoira, tesoura e outros) que evolucionen de determinadas secuencias latinas; considerarase normativa a opción oi por se tratar da maioritaria demográfica e xeograficamente, así como a máis difundida na tradición literaria moderna.

Outrosí hai que ter en conta que no portugués, está admitido tanto tesoira coma tesoura. Este fenónemo é bastante frecuente na nosa lingua irmá, onde adoitan estar admitidas as dúas opcións; tanto o “ditongo oi” coma o “ou”. Isto pode verse en exemplos coma coisa/cousa, dois/dous, noite/noute, vindoiro/vindouro, vassoira/vassoura, lavoira/lavoura, oiro/ouro, toiro/touro, afoito/afouto, loiro/louro… Con todo, a RAG usualmente só admite unha das dúas opcións neses casos. Persoalmente, prefiro o modelo portugués; xa que deixa que cada falante escolla a opción da que máis goste, cousa que non se pode dicir da Real Academia Galega.

Ar

Publicado: 22/08/2015 em Enxebre

Esta palabra está admitida pola RAG e é sinónimo de aire. Tivo os seus momentos de gloria antes de 1983, e a partir desa data o seu uso comezou a diminuír o seu uso.

Ar provén do latín aer, mentres que aire provén do termo latino aere.

Penso que habería que fomentar o seu uso porque aire está admitido no castelán, ar no portugués e no galego as dúas, e xa que o galego e o portugués son linguas irmás e noutrora foron a mesma lingua, habería que usar ar.

Esa a miña opinión, iso non quita que vós teñades outra.

Inda

Publicado: 13/08/2015 em Enxebre

Esta era unha verba moi usada en tempos do Rexurdimento e da primeira metade do século XX, mais dende que o galego está normalizado, esta palabra foi pouco a pouco usándose menos en prol de “aínda”. Iso si, “inda” segue estando admitida e igual de recomendábel ca “aínda”, polo tanto, podedes usar “aínda” ou “inda”, o que máis vos goste.

Tamén inflúe a etimoloxía. Aínda procede do latín “ad+inde+ad”, mentres que inda procede directamente de “inde”.

Eu, persoalmente, uso “aínda” porque me gosta máis, agora ben, cada un ten os seus gostos, e hai xente que usa “aínda” porque lle gosta e outra que usa “inda” porque lle gosta máis. Como dixen antes, vós elixides.