Arquivo da categoria ‘Non admitido’

Estes son uns hipergaleguismos moi comúns no galego, tan comúns que penso que estas formas son máis usadas cá que están admitidas pola RAG, que son sincero e sinceramente.

Sinceiro/sincero provén do latín sinceru. En castelán e en portugués dise sincero.

A verdade penso que habería que admitir estas formas (sinceiro e sinceiramente) xa que están moi espalladas e son máis usadas cás admitidas pola RAG. Amais, sinceiro e sinceiramente están tan espallados e sóanos tan normal que ata no programa Era Visto da Galega usaron esta forma. De feito, no galego, creo que nos soa máis normal dicir sinceiro e sinceiramente ca sincero e sinceramente.

Anúncios

Cabozo

Publicado: 07/08/2015 em Non admitido

Esta é unha forma non admitida pola RAG, e no canto de cabozo, din que hai que usar “calabozo” ou “alxube“; mentres que no dicionário Estraviz propoñen o termo “calabouzo” (tamén existente no portugués, aínda que esta suxestión non está aceptada pola RAG, polo de agora). Outros sinónimos destas palabras son “cagarrón“, “falcona” e “choupana“.

Calabozo é unha palabra que provén do latín vulgar “calafodiu” e alxube é unha palabra que provén do árabe “al-jubb”.

A min paréceme que habería que usar alxube, mais creo que é mellor usar cabozo ca calabozo/calabouzo. A razón? Ben, pra comezar por etimoloxía, xa que se a palabra evolucionase correctamente do latín, seguindo tódolos pasos, a forma correcta sería cabozo. E esta é a razón pola que moita xente intenta potenciar o uso de cabozo e facer ver que calabozo é un castelanismo. O problema é que hoxe en día non se fala moito de cabozos ou alxubes, e fálase máis de cárceres ou prisións.

Na miña opinión, a orde de preferencia sería esta:

  1. Cabozo (sería a forma patrimonial)
  2. Calabouzo (por estar admitida no portugués)
  3. Calabozo

Dacordo

Publicado: 07/08/2015 em Non admitido
Tags:

A Real Academia Galega non admite contraer “de” con “acordo”, co cal, segundo eles, débese usar sempre a forma separada, que é “de acordo”.

Falando de preposicións; poden contraer cos artigos determinados a, con, de, en e pra (aínda que a RAG non recomende o uso desta última preposición, a opción aí está) e cos artigos indeterminados con, de e en. Estas dúas últimas preposicións tamén poden contraer cos demostrativos, cos pronomes persoais de terceira persoa, con algún e con outro (xunto cos femininos e plurais destes). Tamén poden contraer co indefinido un e co seu feminino e plurais. Mais, neste último caso e ao contrario do que sucede co artigo indeterminado, “con” non pode contraer con “un”; cando este é indefinido. E esas son as posibilidades de contraccións con preposicións que ofrece a normativa actual.

Antes da normativa, isto non era así. Só hai que ollar un texto dalgún dos autores do Rexurdimento. Por exemplo, da Rosalía de Castro. Eles escrevían como falaban e, como na fala de e en contraen sempre que a palabra seguinte comeza por vogal o por h muda, representaban ese fenómeno co apóstrofo. Aínda que este fenómeno outrosí estaba presente noutras preposicións e, polo tanto, tamén eran representados por estes autores; os casos máis salientábeis eran “de” e “en”. Con todo, a Real Academia Galega consideraba o apóstrofo un símbolo de atraso e restrinxiu moito o seu uso. Actualmente, o apóstrofo só se pode en topónimos, en títulos de libros… (d´A Coruña, d´A Esmorga). Isto provocou que as contraccións admitidas pola RAG pasaran a escribirse sen apóstrofo (por exemplo, d´o pasou a do e ch´os pasou a chos). Mais a decisión de restinxi-lo número de contraccións na escrita provocou que moitos falantes do galego deixen de face-las na fala; ao non representarse na escrita. O mesmo ocorreu admisión do “ao” (que sempre hai que pronunciar “ó”, independentemente de que non se use na escrita) ou a non obrigación de uso da segunda forma do artigo. Aínda que non se lle pode botar toda a culpa á RAG, xa que a educación tamén ten bastante que ver neste conto. Os profesores terían que ensinar que, malia non representarse na escrita, eses fenómenos son propios do galego oral.

Agora ben, que o apóstrofo é un símbolo de atraso… está claro que os da Real Academia Galega quixeron segui-lo modelo castelán. A que hoxe é a “lingua internacional”, o inglés, usa bastantes apóstrofos (isn´t, aren´t). O francés e outros idiomas tamén utilizan este recurso. A cuestión é: Por que o galego non?

Eu penso que este fenómeno está moi espallado na fala (ou estaba). Polo tanto, eu penso que o uso do apóstrofo tería que estar admitido (d´acordo, d´ouro, n´Aragón). En principio, as contraccións serían sempre que as preposicións “de” e “en” vaian sucedidas por unha verba que comece por vogal ou h muda (polo tanto, non vale hacker nen hardware). Poderíase ampliar tamén a outras preposicións que tamén contraen na fala, mais as principais son “de” e “en”. Con que a Real Academia Galega fixese iso, xa estaría satisfeito. E as contraccións que arestora se usan sen apóstrofo, poden deixarse así.

Aínda que se poderían facelas contraccións sen necesidade de apóstrofo, o uso deste é importante pra conserva-lo percepción da palabra coa que se contrae. Por exemplo, d´ouro. Se contraemos sen apóstrofo, ficamos cun “douro”. E, nese caso, parecería que estamos a falar dun río ben coñecido en vez de algo que sexa de ouro. Claro que non estaría en maiúscula, mais aínda así perderíase parte da percepción de que estabamos falando dun obxecto de ouro. Estas situacións poden evitarse co uso do apóstrofo.

Ademais, tampouco faría falla estabelece-al obrigatoriedade do apóstrofo. Simplemente, terían que deixar esa posibilidade; como se fai agora coa segunda forma do artigo, -ble/-bel, -aría/ería… Así é como fan tamén no inglés. Na escrita pódese optar por “isn´t” ou “is not”, mais na fala recoméndase usar “isn´t”.

En todo caso, a normativa oficial é a que é e; polo tanto, en contextos formais, hai que cinxirse á normativa. As reclamacións que poidades ter verbo das escollas da normativa deixádeas pra contextos máis coloquiais.

Destaque

Publicado: 02/08/2015 em Lusismo, Non admitido
Tags:

O outro día, cando estaba facendo o artigo https://estensiondogalego.wordpress.com/2015/07/31/xornais-dixitais-en-lingua-galega/, cando me puxen a ler Sermos Galiza (http://www.sermosgaliza.gal/) e atopei unha sección que puña “En destaque”. É curioso, porque destaque no galego só está admitida coma a primeira ou terceira persoa do singular do presente de subxuntivo do verbo destacar, mentres que por ese título parecía que estaban utilizando o destaque portugués, xa que nesa lingua destaque ten un significado máis amplo. Por ese título, parecía que estaban substituíndo a clásica sección “Destacado” por “En destaque”. No Diário Liberdade tamén aparece destaque, xa que ten a sección “Destaques de hoje”.

Esta palabra esta admitida no portugués e no reintegracionismo de máximos. De feito, no Dicionário Priberam da Língua Portuguesa (http://www.priberam.pt/dlpo/), en destaque aparece como palabra relacionada, destacado. No dicionario da RAG non aparece esta palabra, polo tanto, pra saber o significado desta palabra, temos que irnos ao dicionário Estraviz (http://www.estraviz.org/), no que se define esta palabra como :

1) Calidade do que destaca, do que sobresae. Exemplo : O destaque dun edificio.
2) No deporte da esgrima, golpe co florete por debaixo do florete contrario.

Polo exemplo, poderíase substituír por “que sobresae” ou “que destaca”, polo tanto esa frase poderíase tamén deste xeito :

O que sobresae dun edificio.
O que destaca dun edificio.

Penso que habería que admitir destaque nas 2 definicións, após todo, non é unha má palabra e non teño nada en contra pra non admitir destaque, achegariámonos máis ao portugués e as palabras nunca sobran, ademais, aportaría riqueza léxica á nosa linguaxe.

Un dos máis famosos e espallados, e que aínda segue moi espallado é fror. Actualmente, a forma correcta é flor, mais aínda hoxe hai bastante xente que di fror, e podemos encontrar numerosos textos desa época coa palabra fror. A verdade non sei porque non a permitiron.

Unha verba moi presente nos poemas galegos da Rosalía de Castro é probe. A forma correcta é pobre.

Outra palabra moi espallada antes de sacar o galego normalizado, foi primaveira, e aínda está moi extendida antre os galegofalantes, ata o punto de que é máis usada ca primavera, ou polo menos están bastante igualados. Tampouco sei porque non a permitiron.

Unha palabra que lla vin escrita a Manuel Curros Enríquez é trunfo, co significado de triunfo.

Outra palabra é espranza co significado de esperanza.

O que vou dicir chámanlle lusismo. Nas obras do Eduardo Pondal, e no himno galego, usaba a terminación -zón en lugar de -ción, coma nazón e redenzón, en lugar de nación e redención. Noutro texto de 1935-1936 aparecía a palabra unificazón, no canto de unificación. Polo tanto, a terminación non foi nen é algo descoñecido prós galegos, é dicir, que se admitisen esta terminación; adaptariámonos bastante rápido.

Mediciña é un hipergaleguismo bastante espallado entre os galegofalantes, que non está admitido pola RAG e no seu lugar, debemos usar medicina ou menciña, agás pra referirse á profesión, por exemplo:

El estudou medicina.

Mediciña, probabelmente, proveña dunha tendencia a que as palabras que rematan en -ina, sexan -iña en galego, axudado por unha mestura entre medicina e menciña, dando como resultado a palabra hipergaleguista mediciña.

Teño que dicir que sempre uso mediciña en lugar de medicina ou menciña, aínda que eu creo que habería que usar menciña. Porén, como menciña non é sinónimo de medicina en todo, habería que admitir mediciña en lugar de medicina. Ademais, mediciña non é unha palabra descoñecida prós galegofalantes.

Plantel

Publicado: 17/07/2015 em Deportes, Non admitido
Tags:

Esta palabra úsase moito no galego, no ámbito deportivo, pra substituír a palabra castelá plantilla. Esta palabra non está admitida no galego, e a RAG recomenda usar cadro de persoal ou persoal. Esta palabra está ben e é perfecta noutros ámbitos, mais no ámbito deportivo, habería que admitir plantel, xa que hai unha pequena diferenza con cadro de persoal ou persoal. Cando ti dis o cadro de persoal ou persoal dun equipo, estaste referindo a tódolos traballadores desa entidade (xogadores, preparadores físicos, fisioterapeutas, médicos, encargados do material, presidente, adestradores, observadores, director deportivo…), mais cando ti dis o plantel dun equipo, estaste referindo só aos xogadores dese equipo.

Polo tanto, habería que admitir plantel, só no ámbito deportivo, xa que non é un sinónimo total de cadro de persoal ou persoal, e ademais está moi espallado entre os galegofalantes, ata o punto de que na Galega, usan plantel a miúdo.