Arquivo da categoria ‘Arcaísmos’

Lista de arcaísmos galegos

Publicado: 30/10/2016 em Arcaísmos

Os arcaísmos son palabras do galego medieval (maioritariamente, mais tamén poden ser do galego moderno) que hoxe non se aceitan por seren pouco utilizadas ou porque esas palabras evolucionaron e deron lugar a outras.

No entanto, hai vegadas nas que un arcaísmo se recupera, xa sexa co seu sentido orixinal ou para definir novos obxectos que saíron ao mercado. Algúns arcaísmos recuperados foron ren, res e des (por iso non aparecen na lista). Outras palabras seguen vivas no galego, mais con outro significado ou perderon unha ou varias acepcións (macela, pena…) Outrosí hai arcaísmos que, malia perdérense no galego, se conservaron no portugués. Este é o caso de descer, estória, outrem… Igualmente, palabras que son arcaísmos no portugués, están moi vivas no galego; coma o adverbio moi, a conxunción ca, o numeral dous, o órgano ril, as candeas (candeias)…

Durante o século XX, algúns autores da nosa literatura usaron arcaísmos nas súas obras (como pode se-lo caso de outo ou vegada). Mais, deixaron de usarse dende que se creou unha norma culta no 1982. Eu penso que algúns arcaísmos si deberían seren recuperados, como se fixo con ren ou des; xa que darían unha maior riqueza léxica á nosa lingua (temos moita, pero queremos máis). É unha mágoa que non aproivetásemo-lo esforzo que fixeron eses autores por recuperaren algúns arcaísmos, por tentaren resucitalos; mais aínda non é tarde. Que unha verba deixe de ser un arcaísmo ou pase a selo depende dos falantes que usan esa lingua acotío. Aínda que unha palabra non apareza nos dicionarios non significa que non se poida usar. Polo tanto, todo depende de vós.

Nesta lista non está incluídos dialectalismos (coma eiquí) ou palabras medievais que evoluiron (coma coor, braadar, ygreia, uã). Unha vez dito isto, velaquí tede-la lista:

Ren, res e nada

Publicado: 23/10/2016 em Arcaísmos, Enxebre

Os indefinidos ren e res son dous arcaísmos que foron recuperados. A definición destas palabras son ningunha cousa ou moi pouca cousa. Algúns exemplos son:

Son moi pobres, non teñen ren.
Non come ren.
Non fai ren.
Comeron toda a sobremesa, non queda res.

Aínda que a RAG trae como sinónimo destas palabras nada, eu fago unha distinción antre este termo e ren ou res. Nada é ningunha cousa, co cal cando se di “Non comeu nada”; significa que non probou bocado, que viu a comida e dixo “Non teño fame, vou durmir” (por poñer un exemplo). Mais cando se di “Non comeu ren”, eu úsoo pra referirme a que lle deu unha ou dúas chanchadas (ou unha ou dúas culleradas, dependendo do prato) e despois xa non quixo máis. Pero se non probara nin un só bocado diría directamente “Non comeu nada”.

Iso si, esa é unha distinción persoal que fago entre esas 2 palabras, que non ten porque coincidir coa vosa. Pódese usar nada pra referirse a “pouca cousa” ou ren pra referirse a “ningunha cousa” e viceversa (como ben recolle o dicionario da Real Academia Galega). Mais existindo eses 2 termos, eu prefiro facer esa distinción. Estou seguro de que tamén hai palabras que o dicionario trae como sinónimos e vós, dependendo do contexto, usades unha opción ou outra.

Por último, embora ren só teña unha acepción (a que se dixo neste artigo, ainda que hai unha unidade de física nuclear chamada rem), res ten máis significados. Res pode significar cabeza de gando (un rabaño de cincocentas reses), raso, barbatanas laterais dalgúns peixes… Ademais, res non é unha palabra exclusiva do galego e do portugués (nesa lingua existe res, mais non co sentido que se falou neste artigo. E rem tamén existe no portugués, pero ren non), xa que tamén existe noutras linguas coma o catalán.