Santo e san

Publicado: 20/01/2017 em Dicas

A forma santo emprégase cando van sucedidos por nomes propios masculinos que comezan por vogal (Santo Antón, Santo André) ou coa palabra Cristo. Unha excepción a isto é o Santo Graal, o cálice usado polo Xesucristo na Última Cea.

A forma santa emprégase sempre na súa forma completa (Santa Uxía, Santa Lucía).

A forma apocopada san úsase diante de nomes propios masculinos que comezan por consoante, bardante coa palabra Cristo (San Fernando, San Martiño).

No portugués, tamén ocorre o mesmo; mais eles utilizan são en vez de san. Velaí témo-lo exemplo da cidade máis poboada do Brasil (São Paulo) e dun dos países membros da Comunidade dos Países de Língua Portuguesa (São Tomé e Príncipe).

Preposicións: a, aga, agás, ante, após, ata, até, baixo, bardante, cabo, canda, cas, catar, con, conforme, consoante, consonte, contra, de, deica, dende, des, desde, durante, en, entre, excepto, fóra, malia, mediante, menos, onda, para, perante, por, quitando, sacado, sacando, salvante, salvo, segundo, sen, senón, sinte, so, sobre, tirante, tras, xunta.

Anotación: podería incluí-la preposición “pra”, mais a RAG non recomenda o seu uso na escrita (na fala si que se pode usar, de feito, eu recoméndoo). Ver artigo Pra que?

Locucións preposicionais: á beira de, a carón de, a causa de, a diferenza de, a forza de, a par de, á parte de, a pesar de, a poder de, a por de, a prol de, a rente(s) (de), a respecto de, a son de, a través de, abaixo de, acerca de, ademais de, alén de, amais de, antes de, ao/ó par de, ao/ó pé de, ao/ó redor de, aquén de, arredor de, arriba de, atrás de, baixo de, bardante de, beira de, cabo de, canto a, cara a,  cas de, cerca de, cima de, co gallo de, con respecto a, conforme a, contra de, de par de, debaixo de, dentro de, derredor de, derriba de, despois de, detrás de, diante de, en canto de, en favor de, en fronte de, en lugar de, en par en, en troques de, en vez de, encima de, encol de, enriba de, fóra de, fronte a, lonxe de, no canto de, por ante, por causa de, por cousa de, por culpa de, por medio de, por mor de, preto de, respecto a, respecto de, riba de, sobre de, tocante a, tras de, verbo de, xunto a, xunto de.

CONXUNCIÓNS E LOCUCIÓNS CONXUNTIVAS

  • Copulativas: a mais, e, e mais, mais, nin.
  • Disxuntivas e distributivas: ben…ben, cal…cal, nin…nin, ora…ora, ou, ou…ou, (que)…que, quer…quer, volta…volta, xa…xa.
  • Adversativas: a menos que, aga que, agás que, agora ben, agora que, aínda que, así e todo, bardante que, con todo, e iso que, emporiso, en troques, excepto que, fora de que, inda que, mais, menos que, mentres (que), no entanto, non obstante, ora ben, ora que, pero, porén, por iso, quitado que/quitando que, sacado que/sacando que, senón, senón que, só que.
  • Concesivas: a pesar de que, a pouco que, aínda que, así, ben que, embora, inda que, máis que, mal que, malia que, mesmo que, nin que, por (+adx) que, por máis que, por moito que, por pouco que.
  • Condicionais: a menos qur, a non ser que, a nada que, a non ser que, a pouco se, aga que, aga se, agás que, agás se, bardante que, cando, caso de que, catar se, con que, con tal de que, con tal que, de non ser que, de non ser se, en caso de que, excepto que, excepto se, onda non, quitado que, quitado se, quitando que, quitando se, sacado que, sacado se, sacando que, sacando se, salvo que, salvo se, se, sempre que, senón que.
  • Causais: como, como queira que, dado que, pois, pois que, por causa de que, por cousa de que, por culpa de que, por mor de que, porque, posto que, que, visto que, xa que.
  • Consecutivas: (así) pois, (así) que, conque, daquela, de aí que, de forma que, de maneira que, de modo que, de xeito que, entón, logo, por conseguinte, por tanto, tan(to)…que, xa que logo.
  • Finais: a fin de que, a que, en favor de que, para que, porque, que.
  • Locativas: onde, onde queira que.
  • Modais: (así) como, ben como, coma se, como queira que, como se, conforme, de forma que, de maneira que, de modo que, de xeito que, mal como, segundo, sen que, (tal) cal, (tal) como, tal e como.
  • Temporais: aínda ben non, antes de que, antes que, ao/ó que, apenas, após que, asemade, así que, ata que, até que, axiña que, cada vez que, cando, cando queira que, decontado que, deica que, dende que, des que, desde que, deseguida que, despois de que, despois que, en canto, en tanto, entretanto, entrementres, inda ben non, logo que, mal, mentres, mentres tanto, namentres, non ben (por) en canto, sempre que, tan cedo, tan axiña, tan presto, tan pronto.
  • Comparativas: ca, como, coma, que.
  • Completivas: que, se.

Francia ou Franza?

Publicado: 04/11/2016 em Enquisa, Non admitido

Se nos remitimos á normativa oficial, a resposta a esta pergunta é clara: o nome do país é a Francia. Mais porque isto é así? Ben, iso é que vamos tentar explicar.

No ano 2003, produciuse unha reforma da normativa galega. Entre as súas principais mudanzas, destacaba a troca do sufixo -cio polo -zo. A partir dese momento; palabras coma espacio, diferencia ou nacencia deixaban de ser admitidas pra dar paso a espazo, diferenza ou nacenza. Porén, isto só aconteceu nas verbas dun uso cotián e extendido dende varias décadas antes. Por iso; palabras máis “técnicas”, de recente inclusión na nosa língua ou de uso poco frecuente seguen a estar admitidas. Ei-lo caso de luminescencia, tendencia, predominancia, fluorescencia… Mais, non se supón que Francia é un palabra dun uso corrente, tendo en conta que é o noso país veciño? Certo, pero vivimos na Galiza ou na Galicia? Se após o 2003, a RAG non eliminiu a forma “Galicia” (que debería ser exclusivamente Galiza, xa que Galicia é unha rexión entre a Polonia e a Ucraína) que está moito máis presente nas nosas vidas cá Francia; seguindo esa lóxica non podían muda-lo nome dese país á Franza. Mais, entón, existe a denominación Franza no galego? Pois si que existe, xa que pode atopar no Glosario da poesía medieval profano galego-portuguesa (França) e no Sempre en Galiza (aínda que neste obra tamén aparecía Hespaña, que sería correcto considerando que se deben mante-los h etimolóxicos e que a procedencia do termo é Hispania. Cousas da RAG…). Ademais, esta é a forma utilizada polos falantes da lingua portuguesa (França).

Tamén hai quen defende que os nomes dos países non se deberían traducir e habería que deixalos na súa forma orixinal. Nese caso, non existe nen a primera dúbida: o nome do país debería de ser France. Ainda que segindo ese criterio, tamén habería que dicir England, Deutschland, United States of America, Nederland, Österreich

En todo caso, vouvos deixar unha enquisa pra que decidades que forma pensades que tería de se-la correcta:

BONUS: Aínda que neste artigo só tratamos do país europeo, tamén hai parroquias galegas que se chaman Franza (coma Santiago de Franza, en Mugardos).

Expresións enxebres

Publicado: 01/11/2016 em Enxebre

Pra facer este artigo baseeime nunha entrada de Debullando a fala (blogue que recomendo visitar), mais eu tentarei ordenar mellor os contidos.

  • A bálamo, a bao, a barullo, a bater, a carradas, a darlle cun pau, a embute, á envorca, a esgalla, a fartar, ás mans cheas, a mazo, a/ás moreas, a pote, a varrer, ás petadas… – en abundancia (como se ve o galego non carece de formas para evitar usar este calco do castelán, aínda que admitido pola normativa). Ex.: Maña nevará a esgalla nas zonas montañosas.
  • A balavento” é unha expresión que serve para dous conceptos:  que algo ocorra de súpeto (chegou a balavento), e que algo se faga rapidamente e sen orde (estalo a facer a balavento).
  • A chupe – verticalmente, a pique. Ex.: o cantil cae a chupe sobre o mar.
  • A desmán – desviado, fóra do camiño. Ex.: a casa fica a desmán da nosa rota.
  • A/ao doután – sen freo, libremente. Ex.: vive a doután.
  • A fío – continuamente, seguido, sen interrupción. Tamén se pode usar “decontino”. Ex.: está chora que chora a fío/decontino.
  • Aí falaches! – ti o dixeches! (< cast: tú lo has dicho), así se fala!
  • Andar á pioca – andar a pedir.
  • Andar ás turras – estar desavidos. Ex.: mellor non as xuntes que andan ás turras.
  • Ao leilán; de cacho para cribo/testo – dun lado para outro. Ex.: ese asunto faino ir de cacho para testo, como non pensa as cousas sempre anda ao leilán.
  • Ao socairo de – ao abrigo/abeiro de. Ex.: hai que pórse ao socairo daquel portal.
  • A piques de – a punto de. Ex.: estivo a piques de apañalo.
  • Á raxeira – ao sol. Ex.: non te poñas á raxeira que te vas queimar.
  • A repelo – sen gana, a desgusto, de má gana. Ex.: todo o fai a repelo.
  • A rumbo – sen medida. Ex.: como non sabía botou a cantidade a rumbo.
  • A seguir – a continuación. Ex: A seguir falaremos do tempo.
  • A vagabán – (aberto) de par en par. Ex.: deixou a fiestra aberta a vagabán.
  • Á zonza – á espreita, ao asexo, á esculca. Esta expresión úsase claramente menos ca as súas sinónimas. Ex.: andaba á zonza detrás dela.
  • Beizón – grazas.
  • Botar un xis – botar unha ollada. Ex.: déixame o xornal que só vou botar un xis.
  • O adverbio “cadora” – continuamente (Ex.: é esaxerado dicir que no outono chova cadora), forma  a expresión:  cadora e cando – de cando en vez. Ex.: vén por casa cadora e cando.
  • Coma embude a boca de xerro – a pedir de boca. Ex.: Todo lle saíu coma embude a boca de xerro.
  • Dar cheda – botar unha man. Ex.: a ver se me podes dar cheda con isto.
  • Sentir/ter/darse a espiñada – ter un presentimento (en galego sentimos coma  “que se nos crava unha espiña” no canto dunha “corazonada” como en castelán). Ex.: dáme a espiñada de que me tocará o boleto.
  • De cor – de memoria. Ex.: sabíase a lición toda de cor.
  • De corde a corde – dun extremo a outro. Ex.: o percurso é de corde a corde. “Corde” tamén se usa na expresión “andar a corde” – andar con tento, andar con tino. Ex.: anda a corde e non te trabuques.
  • De fío a fondo – de principio a fin, de cabo a rabo. Ex.: para entendela tes de vela de fío a fondo.
  • Deixar de ollo – perder de vista. Ex.: o neno non o deixaba de ollo.
  • E logo – Esta expresión tan nosa vale tanto para preguntar coma para responder. No primeiro caso serve para suavizar o ton da pregunta (E logo onde vives? E logo que queres?), como  sinónimo de “por que?” despois dunha resposta (–Non o puiden facer. –E logo?) e como forma de saúdo equivalente a “como che vai?” ou “que che contas?”; mais como resposta pode substituír a “pois claro” ou a unha pregunta á pregunta (–Non che gusta o rapaz? –E logo!, –Non vas vir? –E logo?).
  • Estar cheo – estar farto. Ex.: estou cheo das túas queixas.
  • Estar de tas en bas – estar ao tope. Ex.: o local estaba de tas en bas.
  • Facer mentes – facer memoria. Ex.: agora fago mentes de todo.
  • Falar en banda – falar por falar. Ex.: esa sempre fala en banda.
  • Ferrar unha má partida – facerlle unha xogada (a alguén). Ex.: con esa venda ferroume unha má partida.
  • Gardar o rego” ou “a gardarrego” serven para indicar que algo se fai como se debe, disciplinadamente. Ex.: fai o choio a gardarrego/gardando o rego.
  • Hai que roe-lo chito – hai que se dar por vencido. Ex.: ás veces hai que roe-lo chito.
  • Manducar a boroa (a alguén) – burlarse (de alguén). Ex.: deixa xa de manducarme a boroa.
  • Non dar + participio (algo) – non lograr/conseguir + verbo (algo). Ex.: non dei chegado a tempo.
  • Non era/foi sen tempo, sen tempo non era/foi – xa era hora. Ex.: sen tempo non era que chegases.
  • Non facer cinsas – non levarse ben. Ex.: eses dous non fan cinsas.
  • Non ser quen de – non ser capaz de. Ex.: non eramos quen de levantar a pedra.
  • Non tal – claro que non, de ningún xeito.
  • Nunca tal fixera! – oxalá non o fixese!
  • Nunca tal se viu/pasara/fixen – nunca se viu/pasara/fixen nada igual.
  • Non ter perda – non se poder equivocar/perder; non desperdiciar nada, non sobrar nada. Ex.: o camiño non ten perda; esta carne non ten perda ningunha.
  • “Peneiriño” é unha palabra usada con dúas expresións: “estar no peneiriño” – estar moi ben. Ex.: ese rapaz está no peneiriño na súa casa. E “traer (a alguén) no peneiriño” – tratar moi ben (a alguén). Ex.: cando vai á súa casa tráeno no peneiriño.
  • Perder coidado – non se preocupar. Ex.: verbo do diñeiro perde coidado.
  • Pónteme fóra! – sae de aquí!
  • Por fas ou por nefas – por unha cousa ou (por) outra, querendo ou sen querer. Ex.: por fas ou por nefas sempre atopa unha escusa.
  • Quen mo/cho/llo… dera! – oxalá puidese(s)… ! Ex.: mercar esta casa? Quen cha dera!
  • Sacar de cacho – pór fóra de si. Ex.: sempre consegue sacarme de cacho. Tamén se pode usar a expresión “sacar dos meus/teus/seus/… trumiños” – sacar de mis casillas (castelanismo)
  • Ser dado – ser amábel, obediente ou de bo trato. Ex.: esa rapaza éche ben dada.
  • Sen trello nin trambello – sen pés nin cabeza. Ex.: non se poden facer as cousas sen trello nin trambello.
  • Ser porta de tarabelo – ser pan comido. Ex.: ese choio é porta de tarabelo.
  • Si tal – claro que si, por suposto (castelanismo).
  • Tanto ter – dar igual/o mesmo, non importar. Ex.. tanto ten que veñas ou non.
  • Ter mentes de – ter intención de. Ex.: non tiña mentes de facelo.
  • Tirar/sacar bicada – sacar proveito. Ex.: ese non fai ren sen tirar bicada.
  • Tomara – oxalá. Ex.: Tomara veñas á festa.
  • Torcer/virar o fociño – amosar desacordo perante algo. Tamén se pode usar “torcer o bico”. Ex.: non torzas o fociño/bico que che é bo trato.
  • “Vela”, como acción de velar, emprégase en dúas expresións: “andar á vela” – vixiar. Ex.: convén andar á vela con ese suxeito; e “en vela” – sen durmir. Ex.: pasei a noite toda en vela.
  • Vir a xeito – ser adecuado/axeitado. Ex.: a resposta do Xián veu moi a xeito.
  • “Xacer” pódese empregar en dúas expresións: “estar de bo/mao xacer” – estar cómodo/incómodo. Ex.: estaba de mao xacer naquela casa; e “ser de bo/mao xacer” – ser de doado/difícil trato/contentamento. Ex.: non che é persoa de bo xacer.

Lista de hipergaleguismos

Publicado: 30/10/2016 em Hipergaleguismo

Os hipergaleguismos ou hiperenxebrismos son palabras creadas co fin de distanciarse do castelán, xa sexa intencionalmente ou por confusión e descoñecemento das formas normativas do galego. Non se deben confundir con outros fenómenos coma os dialectalismos, vulgarismos, arcaísmos ou lusismos. Acó tedes unha lista dalgúns dos hipergaleguismos máis usados e que cómpre evitar, polo menos, na escrita. No persoal, eu recoméndovos evita-la maioría destes tamén na fala; bardante casos concretos coma primaveira.

  • Abandoar e abandoo (abandonar e abandono)
  • Adourar (adorar)
  • Antea (antena)
  • Ambente (ambiente)
  • Asesiño (asasino)
  • Bocadelo (bocadillo)
  • Brilar (brillar)
  • Bruxeiría (bruxaría ou bruxería)
  • Calqueira (calquera)
  • Condea (condena)
  • Conscente (consciente)
  • Cristaíño (cristalino)
  • Curtar (cortar)
  • Destiño (destino)
  • Diferenzábel/diferenzable (diferenciábel/diferenciable)
  • Diferenzalista (diferencialista)
  • Diferenzalismo (diferencialismo)
  • Diferenzar (diferenciar)
  • Diferenzazón/diferenzación (diferenciación)
  • Diviño (divino)
  • Escea e esceario (escena e escenario)
  • Espazal (espacial)
  • Estrano (estraño)
  • Existenza (existencia)
  • Fregoa (fregona)
  • Fror (flor)
  • Gasoliña (gasolina)
  • Hourizonte (horizonte)
  • Humán (humano)
  • Importanza (importancia)
  • Inconvinte (inconveniente)
  • Independenza (independencia)
  • Insuar (insinuar)
  • Libreiría (libraría ou librería)
  • Maravila (maravilla)
  • Mediciña (medicina)
  • Montana (montaña)
  • Norde (norte)
  • Obedencia (obediencia)
  • Oubriga (obriga)
  • Ordear (ordenar)
  • Ordeanza (ordenanza)
  • Orgulo (orgullo)
  • Pacente (paciente)
  • Púbrico (público)
  • Preferenza (preferencia)
  • Primaveira (primavera)
  • Quimeira (quimera)
  • Recurte e recurtar (recorte e recortar)
  • Román  (romano)
  • Sagreficio (sacrificio)
  • Segredario (secretario)
  • Semán (semana)
  • Seveiro (severo)
  • Sinceiro e sinceiramente (sincero e sinceramente)
  • Tortela (tortilla)
  • Trunfo (triunfo)
  • Urbán (urbano)
  • Veterán (veterano)
  • Vixiancia (vixilancia)
  • Voátil (volátil)
  • Zoa (zona)

Lista de arcaísmos galegos

Publicado: 30/10/2016 em Arcaísmos

Os arcaísmos son palabras do galego medieval (maioritariamente, mais tamén poden ser do galego moderno) que hoxe non se aceitan por seren pouco utilizadas ou porque esas palabras evolucionaron e deron lugar a outras.

No entanto, hai veces nas que un arcaísmo se recupera, xa sexa co seu sentido orixinal ou para definir novos obxectos que saíron ao mercado. Algúns arcaísmos recuperados foron ren, res e des (por iso non aparecen na lista). Outras palabras seguen vivas no galego, mais con outro significado ou perderon unha ou varias acepcións (macela, pena…) Outrosí hai arcaísmos que, malia perdérense no galego, se conservaron no portugués. Este é o caso de descer, estória, outrem… Igualmente, palabras que son arcaísmos no portugués, están moi vivas no galego; como o adverbio moi, o pronome persoal átono che, a conxunción ca…

Durante o século XX, algúns autores da nosa literatura usaron arcaísmos nas súas obras (como pode se-lo caso de outo ou vegada). Mais, deixaron de usarse dende que se creou unha norma culta no 1982. Eu penso que algúns arcaísmos si deberían seren recuperados, como se fixo con ren ou des; xa que darían unha maior riqueza léxica á nosa lingua (temos moita, pero queremos máis). É unha mágoa que non aproivetásemo-lo esforzo que fixeron eses autores por recuperaren algúns arcaísmos, por tentaren resucitalos; mais aínda non é tarde. Que unha palabra deixe de ser un arcaísmo ou pase a selo depende dos falantes que usan esa lingua acotío. Aínda que unha palabra non apareza nos dicionarios non significa que non se poida usar. Polo tanto, todo depende de vós

Nesta lista non está incluídos dialectalismos (coma eiquí) ou palabras medievais que evoluiron (coma coor, braadar, ygreia, uã). Unha vez dito isto, velaquí tede-la lista:

Ren, res e nada

Publicado: 23/10/2016 em Arcaísmos, Enxebre

Os indefinidos ren e res son dous arcaísmos que foron recuperados. A definición destas palabras son ningunha cousa ou moi pouca cousa. Algúns exemplos son:

Son moi pobres, non teñen ren.
Non come ren.
Non fai ren.
Comeron toda a sobremesa, non queda res.

Aínda que a RAG trae como sinónimo destas palabras nada, eu fago unha distinción entre este termo e ren ou res. Nada é ningunha cousa, co cal cando se di “Non comeu nada”; significa que non probou bocado, que viu a comida e dixo “Non teño fame, vou durmir” (por poñer un exemplo). Mais cando se di “Non comeu ren”, eu úsoo pra referirme a que lle deu unha ou dúas chanchadas (ou unha ou dúas culleradas, dependendo do prato) e despois xa non quixo máis. Pero se non probara nin un só bocado diría directamente “Non comeu nada”.

Iso si, esa é unha distinción persoal que fago entre esas 2 palabras, que non ten porque coincidir coa vosa. Pódese usar nada pra referirse a “pouca cousa” ou ren pra referirse a “ningunha cousa” e viceversa (como ben recolle o dicionario da Real Academia Galega). Mais existindo eses 2 termos, eu prefiro facer esa distinción. Estou seguro de que tamén hai palabras que o dicionario trae como sinónimos e vós, dependendo do contexto, usades unha opción ou outra.

Por último, embora ren só teña unha acepción (a que se dixo neste artigo, ainda que hai unha unidade de física nuclear chamada rem), res ten máis significados. Res pode significar cabeza de gando (un rabaño de cincocentas reses), raso, barbatanas laterais dalgúns peixes… Ademais, res non é unha palabra exclusiva do galego e do portugués (nesa lingua existe res, mais non co sentido que se falou neste artigo. E rem tamén existe no portugués, pero ren non), xa que tamén existe noutras linguas coma o catalán.