Arquivo da categoria ‘Palabras galegas’

Embigo

Publicado: 21/10/2015 em Palabras galegas

Esta é a forma correcta de referirnos en galego á “cicatriz arredondada que teñen os mamíferos no medio do ventre, como resto do cordón umbilical”.

Cómpre evitarmos o castelanismo ombligo, e usar a palabra galego embigo.

Bulir

Publicado: 21/10/2015 em Palabras galegas

Esta palabra ten 2 significados. Na primeira acepción é sinónimo de apurar, acelerar, apresurar, menear, abreviar, espelir e xurdir e significa “realizar unha acción coa maior rapidez posíbel”. Exemplos:

Se non boles máis non rematamos hoxe.

Eu non bulo moito a escribir, mais fágoo ben.

Na segunda acepción é sinónimo de buligar e rebulir e significa “moverse de maneira axitada”. Úsase xeralmente cos animais. Exemplo:

No touciño podre bulían os bechos.

Gorentar

Publicado: 17/10/2015 em Palabras galegas

Este verbo significa sentir unha agradábel sensación ó tomar comida ou gustar moito dunha comida. Este verbo, normalmente, úsase coa comida. Exemplos:

Gorentaba aqueles pratos que a súa nai lle preparaba.

Cólleo pequeno, que é cousa doce e hache gorentar. Estas mazás saben que gorentan.

Amalló

Publicado: 16/10/2015 em Palabras galegas

En galego pódese dicir os cordóns dos zapatos, os nós dos zapatos ou os lazos dos zapatos. Porén hai outras 2 formas máis de dicir iso en galego, e son os amallós dos zapatos e as amalloas dos zapatos.

Co verbo, pódese dicir atar os zapatos, anoar os zapatos, acordoar os zapatos, agulletar os zapatos, amarrar os zapatos, encordar os zapatos ou amalloar os zapatos. E o contrario sería desatar, desamalloar, desagulletar, desamarrar e desanoar.

E cal é a forma que usades vós a miúdo?

Trabe

Publicado: 13/10/2015 em Palabras galegas

A trabe, substantivo feminino, sinónimo de viga. Úsase pra soster un edificio. Algúns exemplos desta palabra son :

Unha trabe de carballo. O teito da nave estaba sostido por trabes de ferro.

Podedes usar trabe ou viga, o que máis vos guste, mais a min paréceme máis galega a forma trabe, así que creo que cómpre usala.

Raio

Publicado: 09/10/2015 em Palabras galegas

O raio é a forma correcta de dicir en galego a liña recta que vai dende o centro dunha circunferencia a calquera punto dela, ou dende o centro dunha esfera a calquera punto da súa superficie. O que vén sendo a metade do diámetro.

Polo tanto; debemos evitar, neste significado, radio e usar a forma galega raio. Iso si, só pra este significado, pró aparello electrónico ou o óso do brazo debemos usar radio : Exemplos :

A Radio Galega é unha das 3 radios nas que se fala en galego.

Ten unha fractura de radio, que se fixo ao caer.

Torta

Publicado: 09/10/2015 em Palabras galegas

Esta é a forma correcta de dicir en galego o que adoitan dar polos aniversarios, no canto do castelanismo tarta. Significados :

– Pan de forma redonda e moi aplanada, de masa compacta, e case sen miolo. Exemplo :

Con esta fariña de millo hei facer unha torta.

Doce grande, polo xeral de forma redonda e plana, que se serve cortado en porcións. Exemplo :

Comemos a torta de chocolate entre os cinco.