Arquivo da categoria ‘Enxebre’

No galego, actualmente, temos tres formas de agradecemento. A máis utilizada é a máis coincidente co castelán: grazas, xunto co seu diminutivo graciñas. Amais, temos unha segunda opción, usada pola meirande parte dos reintegracionistas, que é a coincidente co portugués: obrigado.

As dúas son escollas perfeitamente lídimas, mais teñen a eiva de que son fórmulas estranxeiras. Empréstimos coa finalidade de suplir unha suposta carencia na nosa lingua. Mais digo “suposta”, porque os galegos tamén temos un xeito de agradecemento de noso: beizón. Esta fórmula tivo bastante uso até o século XX, o cal é relativamente pouco. Ende mal, o seu uso foi decaendo e hoxe está case extinta. Iso é doadamente comprobábel. Cantos de vós escoitastes a alguén usar “beizón” pra mostra-la súa gratitude?

Pero nós podemos evita-lo encamiñamento actual que está a facer esta expresión cara ao esquecemento. Como? Pois usándoa, sempre que poidamos.

Por último, quero mandar unha mensaxe aos reintegracionistas. Moitos deles protestan, porque a xente di que son uns aportuguesados e uns lusistas, cando en realidade están intentando restabelece-la tradición do galego (en referencia á Idade Media). Non é un bo comezo poñerse a usa-lo “obrigado” dos portugueses, en vez de tentar recupera-lo “beizón” galego.

Nota: Ademais do citado neste artigo, “beizón” ten varios significados e todos eles teñen como sinónimo “bendición”. Mais “bendición” non se pode usar como expresión de agradecemento.

Expresións enxebres

Publicado: 01/11/2016 em Enxebre

Pra facer este artigo baseeime nunha entrada de Debullando a fala (blogue que recomendo visitar), mais eu tentarei ordenar mellor os contidos. Tamén está, en parte, baseado nun artigo do Sermos Galiza publicado polo Isidro Novo.

  • A bálamo, a bao, a barullo, a bater, a carradas, a darlle cun pau, a embute, á envorca, a esgalla, a fartar, ás mans cheas, a mazo, a/ás moreas, a pote, a varrer, ás petadas… – en abundancia (como se ve o galego non carece de formas para evitar usar este calco do castelán, aínda que admitido pola normativa). Ex.: Maña nevará a esgalla nas zonas montañosas.
  • A balavento” é unha expresión que serve para dous conceptos:  que algo ocorra de súpeto (chegou a balavento), e que algo se faga rapidamente e sen orde (estalo a facer a balavento).
  • A chupe – verticalmente, a pique. Ex.: O cantil cae a chupe sobre o mar.
  • A desmán – desviado, fóra do camiño. Ex.: A casa fica a desmán da nosa rota.
  • A/ao doután – sen freo, libremente. Ex.: Vive a doután.
  • A fío – continuamente, seguido, sen interrupción. Tamén se pode usar “decontino”. Ex.: Está chora que chora a fío/decontino.
  • Aí falaches! – ti o dixeches! (< cast: tú lo has dicho), así se fala!
  • Alba non alba – expresión utilizada para marcar unha puntualidade matinal taxativa e que quizais puidese ser traducida por “non ben raie o día”. Exemplo: Mañá, alba non alba, todos preparados para marchar.
  • Andar á pioca – andar a pedir.
  • Andar ás turras – estar desavidos. Ex.: Mellor non as xuntes que andan ás turras.
  • Ao leilán; de cacho para cribo/testo – dun lado para outro. Ex.: Ese asunto faino ir de cacho para testo./ Como non pensa as cousas sempre anda ao leilán.
  • Ao socairo de – ao abrigo/abeiro de. Ex.: Hai que pórse ao socairo daquel portal.
  • A/de pé feito – A propósito, adrede. Exemplo: Esquecín o pan e agora teño que ir de/a pé feito ao forno./ Teño que ir á feira da Gouxa a pé feito por unha fouce.
  • A piques de – a punto de. Ex.: Estivo a piques de apañalo.
  • Á raxeira – ao sol. Ex.: Non te poñas á raxeira que te vas queimar.
  • A repelo – sen gana, a desgusto, de má gana. Ex.: Todo o fai a repelo.
  • A rumbo – sen medida. Ex.: Como non sabía botou a cantidade a rumbo.
  • A seguir – a continuación. Ex: A seguir falaremos do tempo.
  • A vagabán – (aberto) de par en par. Ex.: Deixou a fiestra aberta a vagabán.
  • Á zonza – á espreita, ao asexo, á esculca. Esta expresión úsase claramente menos ca as súas sinónimas. Ex.: Andaba á zonza detrás dela.
  • Beizón – grazas.
  • Botar un xis – botar unha ollada. Ex.: Déixame o xornal que só vou botar un xis.
  • O adverbio “cadora” – continuamente (Ex.: É exaxerado dicir que no outono chova cadora), forma  a expresión:  cadora e cando – de cando en vez. Ex.: Vén por casa cadora e cando.
  • Coma embude a boca de xerro – a pedir de boca. Ex.: Todo lle saíu coma embude a boca de xerro.
  • Dar cheda – botar unha man. Ex.: A ver se me podes dar cheda con isto.
  • Sentir/ter/darse a espiñada – ter un presentimento (en galego sentimos coma  “que se nos crava unha espiña” no canto dunha “corazonada” como en castelán). Ex.: Dáme a espiñada de que me tocará o boleto.
  • De cor – de memoria. Ex.: Sabíase a lición toda de cor.
  • De corde a corde – dun extremo a outro. Ex.: o percurso é de corde a corde. “Corde” tamén se usa na expresión “andar a corde” – andar con tento, andar con tino. Ex.: Anda a corde e non te trabuques.
  • De fío a fondo – de principio a fin, de cabo a rabo. Ex.: Para entendela tes de vela de fío a fondo.
  • Deixar de ollo – perder de vista. Ex.: O neno non o deixaba de ollo.
  • E logo – Esta expresión tan nosa vale tanto para preguntar coma para responder. No primeiro caso serve para suavizar o ton da pregunta (E logo onde vives? E logo que queres?), como  sinónimo de “por que?” despois dunha resposta (–Non o puiden facer. –E logo?) e como forma de saúdo equivalente a “como che vai?” ou “que che contas?”; mais como resposta pode substituír a “pois claro” ou a unha pregunta á pregunta (–Non che gusta o rapaz? –E logo!, –Non vas vir? –E logo?).
  • Estar cheo – estar farto. Ex.: Estou cheo das túas queixas.
  • Estar de tas en bas – estar ao tope. Ex.: O local estaba de tas en bas.
  • Facer mentes – facer memoria. Ex.: Agora fago mentes de todo.
  • Falar en banda – falar por falar. Ex.: Esa sempre fala en banda.
  • Ferrar unha má partida – facerlle unha xogada (a alguén). Ex.: Con esa venda ferroume unha má partida.
  • Gardar o rego” ou “a gardarrego” serven para indicar que algo se fai como se debe, disciplinadamente. Ex.: Fai o choio a gardarrego/gardando o rego.
  • Hai barro na costa – dise cando hai dificultade para realizar algo.
  • Hai boa lei! – expresión utilizada ironicamente cando algo non se ve xusto ou desgusta.
  • Hai que roe-lo chito – hai que se dar por vencido. Ex.: Ás veces hai que roe-lo chito.
  • Manducar a boroa (a alguén) – burlarse (de alguén). Ex.: Deixa xa de manducarme a boroa.
  • Non dar + participio (algo) – non lograr/conseguir + verbo (algo). Ex.: Non dei chegado a tempo.
  • Non era/foi sen tempo, sen tempo non era/foi – xa era hora. Ex.: Sen tempo non era que chegases.
  • Non facer cinsas – non levarse ben. Ex.: Eses dous non fan cinsas.
  • Non ser quen de – non ser capaz de. Ex.: Non eramos quen de levantar a pedra.
  • Non tal – claro que non, de ningún xeito.
  • Nunca tal fixera! – oxalá non o fixese!
  • Nunca tal se viu/pasara/fixen – nunca se viu/pasara/fixen nada igual.
  • Non ter perda – non se poder equivocar/perder; non desperdiciar nada, non sobrar nada. Ex.: O camiño non ten perda; esta carne non ten perda ningunha.
  • “Peneiriño” é unha palabra usada con dúas expresións: “estar no peneiriño” – estar moi ben. Ex.: Ese rapaz está no peneiriño na súa casa. E “traer (a alguén) no peneiriño” – tratar moi ben (a alguén). Ex.: Cando vai á súa casa tráeno no peneiriño.
  • Perder coidado – non se preocupar. Ex.: Verbo do diñeiro perde coidado.
  • Pónteme fóra! – sae de aquí!
  • Por fas ou por nefas – por unha cousa ou (por) outra, querendo ou sen querer. Ex.: por fas ou por nefas sempre atopa unha escusa.
  • Quen mo/cho/llo… dera! – oxalá puidese(s)… ! Ex.: mercar esta casa? Quen cha dera!
  • Sacar de cacho – pór fóra de si. Ex.: Sempre consegue sacarme de cacho. Tamén se pode usar a expresión “sacar dos meus/teus/seus/… trumiños” – sacar de mis casillas (castelanismo)
  • Ser dado – ser amábel, obediente ou de bo trato. Ex.: Esa rapaza éche ben dada.
  • Sen trello nin trambello – sen pés nin cabeza. Ex.: Non se poden facer as cousas sen trello nin trambello.
  • Ser porta de tarabelo – ser pan comido. Ex.: Ese choio é porta de tarabelo.
  • Si tal – claro que si, por suposto (castelanismo).
  • Tal para cal, maragota e media – expresión para indicar que dúas persoas son do mesmo xeito.
  • Tanto ter – dar igual/o mesmo, non importar. Ex.. Tanto ten que veñas ou non.
  • Ter mentes de – ter intención de. Ex.: Non tiña mentes de facelo.
  • Tirar/sacar bicada – sacar proveito. Ex.: Ese non fai ren sen tirar bicada.
  • Tomara – oxalá. Ex.: Tomara veñas á festa.
  • Torcer/virar o fociño – amosar desacordo perante algo. Tamén se pode usar “torcer o bico”. Ex.: non torzas o fociño/bico que che é bo trato.
  • Vaiche boa lúa polo carreiro da illa – expresión utilizada a miúdo cando dúas persoas están falando e non queren que a xente que pasa a carón se entere do contido da conversa.
  • “Vela”, como acción de velar, emprégase en dúas expresións: “andar á vela” – vixiar. Ex.: Convén andar á vela con ese suxeito; e “en vela” – sen durmir. Ex.: Pasei a noite toda en vela.
  • Vir a xeito – ser adecuado/axeitado. Ex.: A resposta do Xián veu moi a xeito.
  • “Xacer” pódese empregar en dúas expresións: “estar de bo/mao xacer” – estar cómodo/incómodo. Ex.: Estaba de mao xacer naquela casa; e “ser de bo/mao xacer” – ser de doado/difícil trato/contentamento. Ex.: Non che é persoa de bo xacer.

Ren, res e nada

Publicado: 23/10/2016 em Arcaísmos, Enxebre

Os indefinidos ren e res son dous arcaísmos que foron recuperados. A definición destas palabras son ningunha cousa ou moi pouca cousa. Algúns exemplos son:

Son moi pobres, non teñen ren.
Non come ren.
Non fai ren.
Comeron toda a sobremesa, non queda res.

Aínda que a RAG trae como sinónimo destas palabras nada, eu fago unha distinción antre este termo e ren ou res. Nada é ningunha cousa, co cal cando se di “Non comeu nada”; significa que non probou bocado, que viu a comida e dixo “Non teño fame, vou durmir” (por poñer un exemplo). Mais cando se di “Non comeu ren”, eu úsoo pra referirme a que lle deu unha ou dúas chanchadas (ou unha ou dúas culleradas, dependendo do prato) e despois xa non quixo máis. Pero se non probara nin un só bocado diría directamente “Non comeu nada”.

Iso si, esa é unha distinción persoal que fago entre esas 2 palabras, que non ten porque coincidir coa vosa. Pódese usar nada pra referirse a “pouca cousa” ou ren pra referirse a “ningunha cousa” e viceversa (como ben recolle o dicionario da Real Academia Galega). Mais existindo eses 2 termos, eu prefiro facer esa distinción. Estou seguro de que tamén hai palabras que o dicionario trae como sinónimos e vós, dependendo do contexto, usades unha opción ou outra.

Por último, embora ren só teña unha acepción (a que se dixo neste artigo, ainda que hai unha unidade de física nuclear chamada rem), res ten máis significados. Res pode significar cabeza de gando (un rabaño de cincocentas reses), raso, barbatanas laterais dalgúns peixes… Ademais, res non é unha palabra exclusiva do galego e do portugués (nesa lingua existe res, mais non co sentido que se falou neste artigo. E rem tamén existe no portugués, pero ren non), xa que tamén existe noutras linguas coma o catalán.

Chover a cachón

Publicado: 31/05/2016 em Enxebre

Cantas ouviriamos a expresión chover a cántaros. E de certo que serían máis de termos en conta que en castelán se di llover a cántaros, polo tanto, a expresión é a mesma nas dúas linguas. Televisión, xornais, páxinas web, videoxogos, libros, amigos… É bastante díficil que alguén non escoitara nunca esta expresión, aínda que fose en castelán. Esta expresión, malia que poida parecer que non, tamén existe no galego e; aínda que penso que xa o saben todos, significa chover abundantemente e moi forte. Probabelmente, a influencia do castelán e o seu parecido, levou ao éxito desta expresión. Outras expresións coma esta serían chover a cachón, chover a chuzos, chover a mares, chover a retortoiro, chover a xerros, chover a Deus dar, chover a canados, chover a potes, chover a sellas e chover a cimbra-ceos. Todas estas expresións podédelas consultar no dicionário Estraviz e no RAG. Por certo, cantos de vós escoitastes a expresión “chover a cachón”? Ou “chover a xerros”? Unha cousa téñoa clara. Escoitase ou vese escrito máis veces “chover a cántaros” ca “chover a cachón”. Ou, polo menos, é así no meu caso. Non sei se haberá algunha excepción. Tomara.

Despois tamén están os verbos arroiar e diluviar que significan o mesmo cás anteriores expresións. E, por suposto, podemos optar por frases do tipo “Como chove!” ou “E deulle por chover” e, incluso, engadirlle algún carallo dependendo da situación.

Ite

Publicado: 22/02/2016 em Enxebre

Acó vou pór a definición de ite baseándome no artigo de Andrés Torres Queiruga.

SINÓNIMO: igual

ANTÓNIMOS: diferente, distinto

1) Á mesma distancia.

Quedamos ites.

2) Que non se diferencia en nada ou son moi parecidos.

A nena é itiña á nai.

SINÓNIMO: idéntico

A orixe desta palabra é un tanto dubidosa, aínda que se supón que provén do latín idem.

Amais

Publicado: 16/10/2015 em Enxebre

Amais é un sinónimo de ademais, que se pode substituír por ademais en tódalas definicións desta. De feito, “amais” ten as mesmas definicións (dúas) ca “ademais”, tanto en número coma en significado.

  • A primeira acepción é un adverbio defínese esta palabra como que introduce unha cousa ou acción que se engade a outra que se expresa. Exemplos:

Canta e amais baila coma ninguén.
Estuda e ademais traballa.

  • A segunda acepción é unha locución preposicional (amais de ou ademais de) que se define como que introduce unha cousa ou acción que se engade a outra que se expresa. Exemplos:

Amais de listo, é traballador.
Ademais de cartos, ten moita facenda en terras.

As dúas son igual de correctas, tanto na escrita como na fala; así que podedes usar a máis vos guste.

Parafuso

Publicado: 15/10/2015 em Enxebre

Esta é a forma correcta de dicir en galego https://i0.wp.com/definicion.de/wp-content/uploads/2014/12/tornillo.jpg , polo tanto, non é correcto usar o castelanismo tornillo, que tan espallado está pola Galiza. Tampouco é correcto usar destornillador, desatornillar nin atornillar, xa que no galego temos desaparafusador, desaparafusar e aparafusar.

No portugués; ocorre o mesmo nos casos de parafuso, desaparafusar e aparafusar. Porén, se nos vamos ao instrumento que ten como finalidade quitar ou poñer parafusos; nese caso, a cousa muda un chisco. Mentres que nós dicimos (ou, mellor dito, recomenda a RAG que digamos) desaparafusador ou desaparafusador eléctrico, esta situación é lixeiramente distinta na nosa língua irmá. O equivalente ao noso desaparafusador eléctrico é unha aparafusadora. No entanto, anteriormente puxen que é a situación mudaba só un chisco, e iso é porque aparafusador si que está admitido no portugués co mesmo significado ca no galego.

Mais teño de facer unha mención a escarear e escareador, dúas palabras portuguesas. Segundo o Priberam, antre outras acepcións, escarear significa “cravar parafusos até que as cabezas fiquen ao nível da peza en que se cravan” e un escareador é unha chave de parafusos ou o instrumento con que se apertan e alargan parafusos.

Por último, como vedes, tedes opcións dabondo nisto dos parafusos como pra non recorrer ao castelán.