Arquivo da categoria ‘Enquisa’

Hai persoas que pensan que os dicionarios galegos deberían todo o léxico do noso idioma que sexa posíbel. Outros opinan que as variedades dialectais son un atranco e pensan que, de antre varias posibilidades, hai que escoller unha. A Real Academia Galega ten unha posición intermedia. É dicir nalgúns admite tódalas variedades galegas (eis témo-lo caso de fento, fieito, felgo,  folgueira…) e noutros só admite unha (como sucede nos casos de antre/entre/ontre, moito/muito/muto, tesoira/tesoura, irmán/irmao/irmau, verán/verao/vrao/vrau…).

Eu opino que habería que admitir tódalas variedades galegas. Ao final, non vai haber ningún problema na fala; independentemente de que alguén use irmán e ontre e o receptor use irmau e entre. De feito, na Galega hai programas nos que se usan variedades non admitidas pola RAG (viñen, mañan…) e non hai ningún problema de comunicación. Por exemplo, no portugués; até certo punto, seguen unha política de tolerancia. Penso que a RAG debería facer algo similar e deixar que cada persoa faga o que lle peta e teña dereito a usa-las formas propias da súa zona, tanto na escrita como na fala e tanto en rexistros formais como en coloquiais. O traballo desta institución debería limitarse a desterrar castelanismos ou posíbeis influencias desta lingua, cousa na que tampouco é que vaian sobrados… Ben, e tamén deberían ocuparse de vixia-la entrada dos neoloxismos, xa que agora case todo nos chega por vía anglófona.

Alén diso, non se debe confundir dialectalismos con vulgarismos. O que eu propoño é que se admitan tódalas variedades dialectais, mais os vulgarismos cómpre desterra-los na escrita e en rexistros formais. Tamén é traballo da Real Academia Galega garanti-la pureza da nosa língua, mais sempre preservando a nosa gran riqueza léxica.

Francia ou Franza?

Publicado: 04/11/2016 em Enquisa, Non admitido

Se nos remitimos á normativa oficial, a resposta a esta pergunta é clara: o nome do país é a Francia. Mais por que isto é así? Ben, iso é que vamos tentar explicar.

No ano 2003, produciuse unha reforma da normativa galega. Entre as súas principais mudanzas, destacaba a troca do sufixo -cio polo -zo. A partir dese momento; palabras coma espacio, diferencia ou nacencia deixaban de ser admitidas pra dar paso a espazo, diferenza ou nacenza. Porén, isto só aconteceu nas verbas dun uso cotián e extendido dende varias décadas antes. Por iso; palabras máis “técnicas”, de recente inclusión na nosa língua ou de uso poco frecuente seguen a estar admitidas. Ei-lo caso de luminescencia, tendencia, predominancia, fluorescencia… Mais, non se supón que Francia é un palabra dun uso corrente, tendo en conta que é o noso país veciño? Certo, pero vivimos na Galiza ou na Galicia? Se após o 2003, a RAG non eliminiu a forma “Galicia” (que debería ser exclusivamente Galiza, xa que Galicia é unha rexión entre a Polonia e a Ucraína) que está moito máis presente nas nosas vidas cá Francia; seguindo esa lóxica non podían muda-lo nome dese país á Franza. Mais, entón, existe a denominación Franza no galego? Pois si que existe, xa que pode atopar no Glosario da poesía medieval profano galego-portuguesa (França) e no Sempre en Galiza (aínda que neste obra tamén aparecía Hespaña, que sería correcto considerando que se deben mante-los h etimolóxicos e que a procedencia do termo é Hispania. Cousas da RAG…). Ademais, esta é a forma utilizada polos falantes da lingua portuguesa (França).

Tamén hai quen defende que os nomes dos países non se deberían traducir e habería que deixalos na súa forma orixinal. Nese caso, non existe nen a primera dúbida: o nome do país debería de ser France. Ainda que segindo ese criterio, tamén habería que dicir England, Deutschland, United States of America, Nederland, Österreich

En todo caso, vouvos deixar unha enquisa pra que decidades que forma pensades que tería de se-la correcta:

BONUS: Aínda que neste artigo só tratamos do país europeo, tamén hai parroquias galegas que se chaman Franza (coma Santiago de Franza, en Mugardos).

Ollo ou olho?

Publicado: 06/02/2016 em Enquisa

Ollo, carballo, millo, díxenlle… Así é como se escriben na normativa oficial, mais eu penso que tería que ser olho, carbalho, milho, díxenlhe… Por que? Pois porque no galego-portugués medieval usábase o lh. De feito, no portugués actual úsano. Así, voltariamos ás nosas raíces e os medios de comunicación gañarían audiencia portuguesa, xa que entendería mellor a nosa lingua. Amais, o lh só é unha cuestión escrita; xa que seguiriamos a pronunciar igual as palabras anteriormente citadas. Penso que a estas alturas iso xa o saben moitos.

E vós que opinades? Queredes que se escriba “ollo” ou “olho”?

Esta é unha palabra non admitida, mais é moi coñecida e ten bastante uso. Eu penso que tería que estar admitida como sinónimo de volver, tornar, regresar e retornar. Mandeille 2 suxestións a RAG (eu son o azul e a RAG, o vermello):

    • Na primeira, non me lembro moi ben do que escribín, mais basicamente díxenlles que voltar tería que estar admitido.
    • Esta forma neolóxica, adoptada probablemente a partir do portugués, é un derivado verbal do substantivo “volta”. É un verbo con bastante uso na actualidade, por diferencialismo do castelán, para expresar a idea de “regresar”, pero hai que dicir que a forma tradicional e normal en todos os falares galegos autóctonos é “volver”. Esta palabra é a que está recollida no Dicionario, e aínda que o verbo “voltar” se empregue no seu lugar, digamos que a forma correcta en galego é “volver”.
    • Entendo a vosa postura verbo de “voltar”, pero sigo dicindo que ben se podería admitir como sinónimo de volver, regresar, tornar… Segundo o dicionario Estraviz, “voltar” vén do latín “voltare”, “volver” de “volvere” e “tornar” de “tornare”. Co cal, como vedes, proveñen de palabras latinas diferentes e cada unha evolucionou como tódalas palabras galegas. Son distintas palabras pero con igual significado, é dicir, son sinónimos. E se non, a ver, seguindo as regras do galego, como dicides que evolucionou a palabra latina “voltare”?

Segundo se recolle no dicionario Galaxia de usos e dificultades da lingua galega, a forma tradicional galega é “volver”, aínda que “voltar” é bastante utilizado durante o século XX e ata a actualidade por diferencialismo do castelán.

Apuntan os autores que se tomou probablemente do portugués, non directamente do latín, e que se trata dun derivado do substantivo “volta”. En calquera caso, non todas as palabras latinas presentan evolucións en todas as linguas romances, polo que non debemos contar obrigatoriamente cun termo que proceda de VOLTARE.

No que si que ten razón a RAG é que no portugués existe e podedes atopar o termo “voltar” no dicionario Priberam e Estraviz, entre outros. O demais (incluído o meu) é moi discutíbel.

Polo tanto,  acó víchedes 2 opinións totalmente opostas : a miña que defende que “voltar” tería que ser un sinónimo máis desas palabras e estar admitido, e a da RAG que a rexeita por diferencialismo do castelán.

E vós que opinades? Queredes que “voltar” estea admitido e sexa un sinónimo máis desas palabras ou non?

Podedes atopar máis información en: https://estensiondogalego.wordpress.com/2015/08/07/cabozo/

Calabozo é un semicultismo e é a forma admitida no galego actual (a admitida pola RAG), cabozo sería se a palabra fose patrimonial e foi e segue sendo usada por algúns autores, aínda que non está admitida; e calabouzo é a forma que propoñen os reintegracionistas e a que usan no portugués (en realidade, é calabouço).

O caso é, que forma vos gustaría que estivese admitida e fose a correcta no galego?

Evoluir

Publicado: 15/10/2015 em Enquisa, Lusismo

Esta é unha palabra admitida no portugués, mais que non está admitida nin no galego nin castelán. A forma correcta nesas 2 linguas é evolucionar. Porén, e esta é unha opinión persoal, “evoluir” é unha palabra moi bonita é que encaixaría perfectamente no galego. Polo tanto, na miña opinión, habería que admitir “evoluir” no canto de “evolucionar”. Cal é a vosa opinión verbo disto?

Inconvinte

Publicado: 10/07/2015 em Enquisa, Hipergaleguismo, Non admitido
Tags:

“Inconvinte”, de momento, está considerado como hipergaleguismo. A forma correcta, actualmente, é “inconveniente”. Mais creo que “inconvinte” é unha palabra moi espallada, e creo que actualmente no galego esa palabra é bastante máis frecuente ca “inconveniente”, co cal creo que a RAG tería que estudar esta palabra, e admitir “inconvinte” e non “inconveniente”. Incluso, vin unha nova de deportes na páxina web da Galega na que estaba escrito “inconvinte”, en en varios sitios máis (http://www.lavozdegalicia.es/coruna/2011/09/22/0003_201109H22C2996.htm, http://www.europapress.es/galego/noticia-mosquera-non-cre-situacion-da-empresa-ocasa-sexa-inconvinte-construcion-do-hospital-vigo-20130520150749.html, http://elprogreso.galiciae.com/gl/noticia/163931/orozco-no-tendre-inconveniente-en-contarle-lo-que-sepa-la-jueza,  http://naturacaniza.blogspot.com.es/2013/04/vantaxes-e-inconvintes-da-reproduccion.html, http://diver-natus.wikispaces.com/Inconvintes+das+enerx%C3%ADas+renovables, https://www.flickr.com/photos/tensk/13977333327… )(buscade en google “inconvinte” pra máis resultados).  Achegueilles unha suxestión sobre “inconvinte” á RAG, e dixeron que o estudarían .

Hai que dicir, que en “inconveniente”, in- é un prefixo, e tamén existe “conveniente”, polo tanto se aceptan “inconvinte”, terán que aceptar “convinte”, unha palabra que case non ouvín. Porén, tampouco ouzo moito “conveniente” e a razón de que non se ouza moito nin “conveniente” nin “convinte” é que, polo menos no meu caso, normalmente substitúese por “convén”. Exemplos de oracións :

Iso faino porque lle é conveniente./ Iso faino porque lle é convinte./ Iso faino porque lle convén.

Eu, persoalmente, diría a terceira opción, así que, como “conveniente” non é unha palabra que se use moito, se pra admitir “inconvinte” fai falta aceptar “convinte”, pois faise e listo, xa que tanto “convinte” coma “conveniente” son palabras, na miña opinión, minoritarias e a que se usa no seu lugar é “convén”.

Hai que dicir que “inconvinte” é unha palabra que se usa bastante, xa que moitas veces se fala das vantaxes e inconvintes dunha cousa. Se non queredes dicir” inconveniente” nin “inconvinte”, podedes dicir “problema” no seu lugar.

Agora, a pregunta é : É “inconvinte” un hipergaleguismo ou “inconveniente” un castelanismo? Vós diredes.