Arquivo da categoria ‘Variedades dialectais’

Hai persoas que pensan que os dicionarios galegos deberían todo o léxico do noso idioma que sexa posíbel. Outros opinan que as variedades dialectais son un atranco e pensan que, de antre varias posibilidades, hai que escoller unha. A Real Academia Galega ten unha posición intermedia. É dicir nalgúns admite tódalas variedades galegas (eis témo-lo caso de fento, fieito, felgo,  folgueira…) e noutros só admite unha (como sucede nos casos de antre/entre/ontre, moito/muito/muto, tesoira/tesoura, irmán/irmao/irmau, verán/verao/vrao/vrau…).

Eu opino que habería que admitir tódalas variedades galegas. Ao final, non vai haber ningún problema na fala; independentemente de que alguén use irmán e ontre e o receptor use irmau e entre. De feito, na Galega hai programas nos que se usan variedades non admitidas pola RAG (viñen, mañan…) e non hai ningún problema de comunicación. Por exemplo, no portugués; até certo punto, seguen unha política de tolerancia. Penso que a RAG debería facer algo similar e deixar que cada persoa faga o que lle peta e teña dereito a usa-las formas propias da súa zona, tanto na escrita como na fala e tanto en rexistros formais como en coloquiais. O traballo desta institución debería limitarse a desterrar castelanismos ou posíbeis influencias desta lingua, cousa na que tampouco é que vaian sobrados… Ben, e tamén deberían ocuparse de vixia-la entrada dos neoloxismos, xa que agora case todo nos chega por vía anglófona.

Alén diso, non se debe confundir dialectalismos con vulgarismos. O que eu propoño é que se admitan tódalas variedades dialectais, mais os vulgarismos cómpre desterra-los na escrita e en rexistros formais. Tamén é traballo da Real Academia Galega garanti-la pureza da nosa língua, mais sempre preservando a nosa gran riqueza léxica.

Dei e din

Publicado: 05/01/2016 em Variedades dialectais

Quizais vos esteades a preguntar cal é a forma correcta no galego. Ben, pois na oralidade valen as dúas; xa que a RAG acepta tódalas “variedades dialectais” que haxa na Galiza. Mais, na escrita, só está admitido pola RAG “dei”. Esa foi a forma que escolleu a RAG cando fixo a unificación escrita.
Na situación de din tamén están cantáchedes, cas, cais, traballare…, e tódalas palabras con gheada e seseo. Todas están admitidas na oralidade, mais non na escrita.
Por último, quero decirvos que, normalmente, pódese chegar a saber de que parte da Galiza es só con ouvirche dicir unha destas variantes (para iso terías que falar galego, claro está); xa que, por exemplo, “cais” é unha variante propia do Courel e dos Ancares e non de Fisterra. De aí que Galiza estea dividida en 3 bloques, dos cales falaremos noutra ocasión.

Esta é un hipergaleguismo non admitido pola RAG, e a forma correcta é portugués; tanto no galego coma no castelán e, precisamente, no portugués; aínda que alí escríbese português. Esta forma, probabelmente, vén de que ao pasar do castelán ao galego, moitas veces o j cámbiase polo x; neste caso, cambiouse o g polo x. Probabelmente, a gheada ten a meirande parte da culpa desta mudanza. Esta forma ten certa extensión, aínda que non está moi espallada.

Este é un hipergaleguismo que cómpre evitarmos usar.

Chan e chao

Publicado: 12/08/2015 em Variedades dialectais
Tags:,

As 2 palabras son sinónimos, porén a RAG di que chao é menos recomendábel ca chan.

A súa utilización varía da zona e de cada persoa, por exemplo, eu utilizo chao e chan dependendo do significado. O que castelán sería suelo eu tradúzoo como chan. Exemplo : Tes que varrer o chan.
Neste caso, pódense usar como sinónimos piso e solo (dependendo do contexto).

E o que en castelán sería llano, eu tradúzoo como chao. Exemplo : Os ciclistas atacan cando hai pendente, mais é raro que ataquen no chao.

Pra esta acepción pódense usar como sinónimos chairo ou plano. Incluso, dependendo do contexto, tamén se podería empregar liso. Non confundir con chaira, iso é outra cousa; embora ben parecida.

Cans e cas

Publicado: 12/08/2015 em Variedades dialectais

Destas 2 formas, unha está admitida pola RAG e é a que debemos usar (cans) e a outra é unha variedade dialectal que non está admitida e que cómpre evitarmos (cas). Se ben na escrita case tódolos galegos escriben cans; na fala, dependendo da zoa, uns din cans e outros cas.

Eu, por exemplo, digo cas, aínda que escribo cans. A razón pola que digo cas, e que nunha palabra tan curta como é cans, non dou pronunciado ese ns final falando normal, pra pronuncialo tería que facer unha pausa, porén si que digo camións. Iso si, non vos recomendo que digades cas e a forma que debedes usar tanto na escrita como na fala é cans.

Mediciña é un hipergaleguismo bastante espallado entre os galegofalantes, que non está admitido pola RAG e no seu lugar, debemos usar medicina ou menciña, agás pra referirse á profesión, por exemplo:

El estudou medicina.

Mediciña, probabelmente, proveña dunha tendencia a que as palabras que rematan en -ina, sexan -iña en galego, axudado por unha mestura entre medicina e menciña, dando como resultado a palabra hipergaleguista mediciña.

Teño que dicir que sempre uso mediciña en lugar de medicina ou menciña, aínda que eu creo que habería que usar menciña. Porén, como menciña non é sinónimo de medicina en todo, habería que admitir mediciña en lugar de medicina. Ademais, mediciña non é unha palabra descoñecida prós galegofalantes.

Estes hipergaleguismos, fórmanse a partir de que a palabra castelá además, en galego dise ademais. Porén, son 2 palabras moi espalladas na fala (ou, polo menos, na miña localidade), aínda que non tanto na escrita, mais se a RAG a admitise, tamén se espallaría na escrita. A forma correcta son atrás e detrás.

Eu creo que debería admitir atrais e detrais, xa que é a escrita a que se ten que adaptar a fala, e non ao revés.