Voltar (enquisa incluída)

Publicado: 23/12/2015 em Enquisa, Lusismo, Non admitido

Esta é unha palabra non admitida, mais é moi coñecida e ten bastante uso. Eu penso que tería que estar admitida como sinónimo de volver, tornar, regresar e retornar. Mandeille 2 suxestións a RAG (eu son o azul e a RAG, o vermello):

    • Na primeira, non me lembro moi ben do que escribín, mais basicamente díxenlles que voltar tería que estar admitido.
    • Esta forma neolóxica, adoptada probablemente a partir do portugués, é un derivado verbal do substantivo “volta”. É un verbo con bastante uso na actualidade, por diferencialismo do castelán, para expresar a idea de “regresar”, pero hai que dicir que a forma tradicional e normal en todos os falares galegos autóctonos é “volver”. Esta palabra é a que está recollida no Dicionario, e aínda que o verbo “voltar” se empregue no seu lugar, digamos que a forma correcta en galego é “volver”.
    • Entendo a vosa postura verbo de “voltar”, pero sigo dicindo que ben se podería admitir como sinónimo de volver, regresar, tornar… Segundo o dicionario Estraviz, “voltar” vén do latín “voltare”, “volver” de “volvere” e “tornar” de “tornare”. Co cal, como vedes, proveñen de palabras latinas diferentes e cada unha evolucionou como tódalas palabras galegas. Son distintas palabras pero con igual significado, é dicir, son sinónimos. E se non, a ver, seguindo as regras do galego, como dicides que evolucionou a palabra latina “voltare”?

Segundo se recolle no dicionario Galaxia de usos e dificultades da lingua galega, a forma tradicional galega é “volver”, aínda que “voltar” é bastante utilizado durante o século XX e ata a actualidade por diferencialismo do castelán.

Apuntan os autores que se tomou probablemente do portugués, non directamente do latín, e que se trata dun derivado do substantivo “volta”. En calquera caso, non todas as palabras latinas presentan evolucións en todas as linguas romances, polo que non debemos contar obrigatoriamente cun termo que proceda de VOLTARE.

No que si que ten razón a RAG é que no portugués existe e podedes atopar o termo “voltar” no dicionario Priberam e Estraviz, entre outros. O demais (incluído o meu) é moi discutíbel.

Polo tanto,  acó víchedes 2 opinións totalmente opostas : a miña que defende que “voltar” tería que ser un sinónimo máis desas palabras e estar admitido, e a da RAG que a rexeita por diferencialismo do castelán.

E vós que opinades? Queredes que “voltar” estea admitido e sexa un sinónimo máis desas palabras ou non?

comentários
  1. Tiven a mesma dúbida fai un par de días e tristemente usei “volver” tras consultar o dicionario de academia.gal , voltar soa mais… galego 🙂 na miña opinión de galegofalante por suposto.

    Curtir

  2. hongo disse:

    Aquí estamos ante unha cuestión que ten un pouco de filosofía lingüística. A min, personalmente, gústame máis que se teña en conta aos falantes por diante da teoría lingüística (e nese sentido son un pouco favorable á anarquía lingüística, fóra das evolucións teóricas ou de límites autoimpostos). Pero o certo é que a popularización do termo “voltar” ten máis de resistencia ao castelán que de unha evolución propia e natural da lingua.
    Pasa algo semellante con “ofertar”, que se utiliza en moitas ocasións no canto de “ofrecer” (por exemplo, “O Centro Galego Dramático oferta tres espectáculos gratuítos”) máis por diferenciación do castelán que por evolución do falar cotián.
    Eu teño familia de falantes galegos de sempre. E o certo é que nunca escoitei o termo “voltar”. Os que si o utilizan son na súa maioría neofalantes ou persoas que, por contaminación destes, confunden esta forma coa verdadeira e a culta, cando non é así. A min, de feito, non me soa máis galega, senón absolutamente artificial.
    Eu, por exemplo, tardei anos en saber que “desde” era igualmente admitida que “dende”, cando na miña casa se empregou “desde” toda a vida. Pero na ensinanza dos meus anos mozos tendían a darlle preferencia a “dende”.
    Ningunha lingua é allea á contaminación nin ás influencias externas (non o somos ao castelán igual que o castelán ou o inglés non o foron ao francés), pero a diferenciación pola diferenciación creo que non é especialmente saudable para ningún idioma se non está amparado polos propios falantes, que foron os que finalmente conseguiron conservar ata o día de hoxe a nosa preciosa e valiosa lingua.

    Curtir

    • Penso que é grazas a esa resistencia ao castelán (diferencialismo) que o galego puido preservarse durante tanto tempo. A nosa lingua irmá, o portugués, non ten esa percepción de que o castelán sexa algo alleo; razón pola que usan algúns castelanismos “descarados” como castelhano, cavalheiro e repolho. Incluso hai algúns portugueses que propoñen a creación dunha lingua ibérica. Isto baséase en que os españois e os portugueses non teñen extremas dificuldades pra entenderse. Ademais, hai máis diferenzas entre o alto alemán (Hamburgo) e o baixo alemán (Munique, Suíza, Austria) cás existentes entre o portugués e o castelán. De feito, un alemán do norte non entendería ren do alemán da Suíza, se é a primeira que ten contacto con el. E aínda así, considéranse que son a mesma lingua. E o mesmo pasa co italiano. Mais penso que os galegos e os cataláns rexeitariamos esa língua ibérica (e inclúome).
      Raramente a evolución dunha lingua non se ve influída por outro idioma. Após o latín, tivémo-la influencia do árabe. Despois do castelán. E agora do inglés. É lóxico que xurdan varios casos de diferenciación contra ese proceso. E ese tamén é un proceso perfeitamente lídimo, agás nos casos extremos (hipergaleguismos). Ademais, en “voltar” só me refería a que se admita, se non o queres utilizar; pois non o utilices, mais é que agora non se dá esa opción.
      Por último, déixote un enlace cara un artigo do lingüista portugués Fernando Venâncio, u explica a influencia do castelán no portugués (http://pgl.gal/o-castelhano-como-vernaculo-portugues/).

      Curtir

  3. Anônimo disse:

    “víchedes”!!??

    Curtir

Deixa o teu comentario