Unha das características que máis definen ao galego é a perda dos n e os l intervocálicos. Esta tendencia adoita levarse alén dos límites da normativa, considerándose hipergaleguismos. Este fenómeno non se dá no castelán e, só até certo punto, acontece no portugués (case igual ca no galego oficial). Porén, Lisboa intentou “limpar” un pouco os rastros de galego que puidese haber na súa língua. Tiveron suceso nalgunhas formas, pero fracasaron en moitas outras.

Eu acho que este é un dos fenómenos máis característicos do galego e debería estar admitido, xa que tamén se trata de economía linguística. Abandoar, antea, aprisioar, brilar, caor, capiduo, condea, escea, esceario, fregoa, mua, ordear, ordeanza, homaxe, piar, , saar, seenzo, tiduo, vixiancia, voátil, zoa… todas elas deberían ser aceitas. Obviamente, isto faríase até certo punto. Formas coma maravila, orgulo ou varoil seguirían sendo hipergaleguismos, xa que non están moi espalladas antre a poboación e non soan moi ben. Quizais dentro duns anos, pero hoxe en día (ano 2017) non.

Outrosí se podería facer o mesmo coas formas rematadas en -eiro/-eira: panteira, primaveira, seveiro, sinceiro, sinceiramente… Mais, neste caso, ten sentido que a RAG decidise non admitir estas variábeis; xa que, etimologicamente falando, son anomalías. Pero tamén o é o uso do -ão pra todo dos portugueses, e velaí os tendes.

Após todo, a Real Academia Galega (RAG) defende que o galego é unha língua de seu. Se ese é o caso, debería recorrer aos elementos máis caracterizadores da Galiza; do contrario, parecerá un dialecto do castelán ou do portugués. Temos moitos elementos que nos diferencian dos nosos veciños, unha mágoa non empregalos.

O uso do artigo co posesivo

Publicado: 18/02/2017 em Dicas

A regra xeral di que é obrigatoria a presenza do artigo diante do posesivo:

Na miña opinión, cos seus anos, trouxen o teu caderno…

Mais hai algunhas excepcións:

O uso do artigo é opcional nos seguintes casos:

  • Nos nomes de parentesco: Miña nai. Nosos irmáns.
  • Nos nomes de carácter relixioso, seres únicos ou dignidades: Súa Excelencia. Noso Señor. Nosa Señora do Carme.
  • Cando aparece un distributivo. Nalgúns casos, a presenza do artigo pode resultar redundante: Foron pasando cada un con súa entrada.

Non se pode usa-lo artigo nos seguintes casos:

  • Nos vocativos e exclamacións: “Meu deus!” “Meu amigo, así che son as cousas!” “Meu pobre, onde irás?” “Eh, meu! Agarda por eles.”
  • En certas expresións e frases feitas: Meu dito, meu feito. Miña casiña, meu lar.
  • Cando vai precedido por un demostrativo: Este meu can é fino coma un allo. Ese teu seenzo resulta moi expresivo.
  • Diante de determinados adverbios e locucións adverbiais: Pasou diante nosa. Caeu enriba súa.
  • Coas expresións de meu, de teu, de seu, de noso e de voso.
  • Coas formas cadanseu(s) e cadansúa(s).

 

Hai persoas que pensan que os dicionarios galegos deberían todo o léxico do noso idioma que sexa posíbel. Outros opinan que as variedades dialectais son un atranco e pensan que, de antre varias posibilidades, hai que escoller unha. A Real Academia Galega ten unha posición intermedia. É dicir nalgúns admite tódalas variedades galegas (eis témo-lo caso de fento, fieito, felgo,  folgueira…) e noutros só admite unha (como sucede nos casos de antre/entre/ontre, moito/muito/muto, tesoira/tesoura, irmán/irmao/irmau, verán/verao/vrao/vrau…).

Eu opino que habería que admitir tódalas variedades galegas. Ao final, non vai haber ningún problema na fala; independentemente de que alguén use irmán e ontre e o receptor use irmau e entre. De feito, na Galega hai programas nos que se usan variedades non admitidas pola RAG (viñen, mañan…) e non hai ningún problema de comunicación. Por exemplo, no portugués; até certo punto, seguen unha política de tolerancia. Penso que a RAG debería facer algo similar e deixar que cada persoa faga o que lle peta e teña dereito a usa-las formas propias da súa zona, tanto na escrita como na fala e tanto en rexistros formais como en coloquiais. O traballo desta institución debería limitarse a desterrar castelanismos ou posíbeis influencias desta lingua, cousa na que tampouco é que vaian sobrados… Ben, e tamén deberían ocuparse de vixia-la entrada dos neoloxismos, xa que agora case todo nos chega por vía anglófona.

Alén diso, non se debe confundir dialectalismos con vulgarismos. O que eu propoño é que se admitan tódalas variedades dialectais, mais os vulgarismos cómpre desterra-los na escrita e en rexistros formais. Tamén é traballo da Real Academia Galega garanti-la pureza da nosa língua, mais sempre preservando a nosa gran riqueza léxica.

No galego, actualmente, temos tres formas de agradecemento. A máis utilizada é a máis coincidente co castelán: grazas, xunto co seu diminutivo graciñas. Amais, temos unha segunda opción, usada pola meirande parte dos reintegracionistas, que é a coincidente co portugués: obrigado.

As dúas son escollas perfeitamente lídimas, mais teñen a eiva de que son fórmulas estranxeiras. Empréstimos coa finalidade de suplir unha suposta carencia na nosa lingua. Mais digo “suposta”, porque os galegos tamén temos un xeito de agradecemento de noso: beizón. Esta fórmula tivo bastante uso até o século XX, o cal é relativamente pouco. Ende mal, o seu uso foi decaendo e hoxe está case extinta. Iso é doadamente comprobábel. Cantos de vós escoitastes a alguén usar “beizón” pra mostra-la súa gratitude?

Pero nós podemos evita-lo encamiñamento actual que está a facer esta expresión cara ao esquecemento. Como? Pois usándoa, sempre que poidamos.

Por último, quero mandar unha mensaxe aos reintegracionistas. Moitos deles protestan, porque a xente di que son uns aportuguesados e uns lusistas, cando en realidade están intentando restabelece-la tradición do galego (en referencia á Idade Media). Non é un bo comezo poñerse a usa-lo “obrigado” dos portugueses, en vez de tentar recupera-lo “beizón” galego.

Nota: Ademais do citado neste artigo, “beizón” ten varios significados e todos eles teñen como sinónimo “bendición”. Mais “bendición” non se pode usar como expresión de agradecemento.

Santo e san

Publicado: 20/01/2017 em Dicas

A forma santo emprégase cando van sucedidos por nomes propios masculinos que comezan por vogal (Santo Antón, Santo André), h (Santo Henrique) ou coas formas de altos rangos dentro da relixión (Santo Cristo, Santo Deus) . Unha excepción a isto é o Santo Graal, o cálice usado polo Xesucristo na Última Cea.

A forma santa emprégase sempre na súa forma completa (Santa Uxía, Santa Lucía).

A forma apocopada san úsase diante de nomes propios masculinos que comezan por consoante, bardante coa palabra Cristo (San Fernando, San Martiño).

No portugués, tamén ocorre o mesmo; mais eles utilizan são en vez de san. Velaí témo-lo exemplo da cidade máis poboada do Brasil (São Paulo) e dun dos países membros da Comunidade dos Países de Língua Portuguesa (São Tomé e Príncipe).

Preposicións: a, aga, agás, ante, após, ata, até, baixo, bardante, cabo, canda, cas, catar, con, conforme, consoante, consonte, contra, de, deica, dende, des, desde, durante, en, entre, excepto, fóra, malia, mediante, menos, onda, para, perante, por, quitando, sacado, sacando, salvante, salvo, segundo, sen, senón, sinte, so, sobre, tirante, tras, xunta.

Anotación: podería incluí-la preposición “pra”, mais a RAG non recomenda o seu uso na escrita (na fala si que se pode usar, de feito, eu recoméndoo). Ver artigo Pra que? Tamén se poderían incluí-las preposicións “antre” e “ontre”, que son variantes de “entre”. Ver artigo Ontre, antre e entre.

Locucións preposicionais: á beira de, a carón de, a causa de, a diferenza de, a forza de, a par de, á parte de, a pesar de, a poder de, a por de, a prol de, a rente(s) (de), a respecto de, a son de, a través de, abaixo de, acerca de, ademais de, alén de, amais de, antes de, ao/ó par de, ao/ó pé de, ao/ó redor de, aquén de, arredor de, arriba de, atrás de, baixo de, bardante de, beira de, cabo de, canto a, cara a,  cas de, cerca de, cima de, co gallo de, con respecto a, conforme a, contra de, de par de, debaixo de, dentro de, derredor de, derriba de, despois de, detrás de, diante de, en canto de, en favor de, en fronte de, en lugar de, en par en, en troques de, en vez de, encima de, encol de, enriba de, fóra de, fronte a, lonxe de, no canto de, por ante, por causa de, por cousa de, por culpa de, por medio de, por mor de, preto de, respecto a, respecto de, riba de, sobre de, tocante a, tras de, verbo de, xunto a, xunto de.

CONXUNCIÓNS E LOCUCIÓNS CONXUNTIVAS

  • Copulativas: a mais, e, e mais, mais, nin.
  • Disxuntivas e distributivas: ben…ben, cal…cal, nin…nin, ora…ora, ou, ou…ou, (que)…que, quer…quer, volta…volta, xa…xa.
  • Adversativas: a menos que, aga que, agás que, agora ben, agora que, aínda que, así e todo, bardante que, con todo, e iso que, emporiso, en troques, excepto que, fora de que, inda que, mais, menos que, mentres (que), no entanto, non obstante, ora ben, ora que, pero, porén, por iso, quitado que/quitando que, sacado que/sacando que, senón, senón que, só que.
  • Concesivas: a pesar de que, a pouco que, aínda que, así, ben que, embora, inda que, máis que, mal que, malia que, mesmo que, nin que, por (+adx) que, por máis que, por moito que, por pouco que.
  • Condicionais: a menos qur, a non ser que, a nada que, a non ser que, a pouco se, aga que, aga se, agás que, agás se, bardante que, cando, caso de que, catar se, con que, con tal de que, con tal que, de non ser que, de non ser se, en caso de que, excepto que, excepto se, onda non, quitado que, quitado se, quitando que, quitando se, sacado que, sacado se, sacando que, sacando se, salvo que, salvo se, se, sempre que, senón que.
  • Causais: como, como queira que, dado que, pois, pois que, por causa de que, por cousa de que, por culpa de que, por mor de que, porque, posto que, que, visto que, xa que.
  • Consecutivas: (así) pois, (así) que, conque, daquela, de aí que, de forma que, de maneira que, de modo que, de xeito que, entón, logo, por conseguinte, por tanto, tan(to)…que, xa que logo.
  • Finais: a fin de que, a que, en favor de que, para que, porque, que.
  • Locativas: onde, onde queira que.
  • Modais: (así) como, ben como, coma se, como queira que, como se, conforme, de forma que, de maneira que, de modo que, de xeito que, mal como, segundo, sen que, (tal) cal, (tal) como, tal e como.
  • Temporais: aínda ben non, antes de que, antes que, ao/ó que, apenas, após que, asemade, así que, ata que, até que, axiña que, cada vez que, cando, cando queira que, decontado que, deica que, dende que, des que, desde que, deseguida que, despois de que, despois que, en canto, en tanto, entretanto, entrementres, inda ben non, logo que, mal, mentres, mentres tanto, namentres, non ben (por) en canto, sempre que, tan cedo, tan axiña, tan presto, tan pronto.
  • Comparativas: ca, como, coma, que.
  • Completivas: que, se.

Francia ou Franza?

Publicado: 04/11/2016 em Enquisa, Non admitido

Se nos remitimos á normativa oficial, a resposta a esta pergunta é clara: o nome do país é a Francia. Mais por que isto é así? Ben, iso é que vamos tentar explicar.

No ano 2003, produciuse unha reforma da normativa galega. Entre as súas principais mudanzas, destacaba a troca do sufixo -cio polo -zo. A partir dese momento; palabras coma espacio, diferencia ou nacencia deixaban de ser admitidas pra dar paso a espazo, diferenza ou nacenza. Porén, isto só aconteceu nas verbas dun uso cotián e extendido dende varias décadas antes. Por iso; palabras máis “técnicas”, de recente inclusión na nosa língua ou de uso poco frecuente seguen a estar admitidas. Ei-lo caso de luminescencia, tendencia, predominancia, fluorescencia… Mais, non se supón que Francia é un palabra dun uso corrente, tendo en conta que é o noso país veciño? Certo, pero vivimos na Galiza ou na Galicia? Se após o 2003, a RAG non eliminiu a forma “Galicia” (que debería ser exclusivamente Galiza, xa que Galicia é unha rexión entre a Polonia e a Ucraína) que está moito máis presente nas nosas vidas cá Francia; seguindo esa lóxica non podían muda-lo nome dese país á Franza. Mais, entón, existe a denominación Franza no galego? Pois si que existe, xa que pode atopar no Glosario da poesía medieval profano galego-portuguesa (França) e no Sempre en Galiza (aínda que neste obra tamén aparecía Hespaña, que sería correcto considerando que se deben mante-los h etimolóxicos e que a procedencia do termo é Hispania. Cousas da RAG…). Ademais, esta é a forma utilizada polos falantes da lingua portuguesa (França).

Tamén hai quen defende que os nomes dos países non se deberían traducir e habería que deixalos na súa forma orixinal. Nese caso, non existe nen a primera dúbida: o nome do país debería de ser France. Ainda que segindo ese criterio, tamén habería que dicir England, Deutschland, United States of America, Nederland, Österreich

En todo caso, vouvos deixar unha enquisa pra que decidades que forma pensades que tería de se-la correcta:

BONUS: Aínda que neste artigo só tratamos do país europeo, tamén hai parroquias galegas que se chaman Franza (coma Santiago de Franza, en Mugardos).