Pra que?

Publicado: 08/05/2016 em Non admitido

Pra é unha forma sincopada ou reducida de para. Pra pode contraer cos artigos determinados o, a, os e as dando como resultado as contraccións pró, prá, prós e prás.

Esta forma é menos recomendábel, na escrita, pola Real Academia Galega ca para. Pódese usar na fala esta forma sen ningún problema, mais na escrita é preferíbel usar para. Antes da década do 1980, esta forma era maioritaria e estaba moi espallada. De feito, se vos fixades, esta forma é a que usa moita xente maior. Con todo, dende a elaboración das normas, esta forma foi perdendo uso e arestora, entre os máis novos, case todos usan para (dos que falan galego, que non é que sexan moitos). Esta dinámica é moi habitual ultimamente; formas moi usadas na fala noutrora como pra, ó, tódolos ou gaña-los cartos están a perder influencia a favor de para, ao, todos os ou gañar os cartos. Sen dúbida, a meirande parte da culpa tena a educación, a Galega (cada vez escóitase máis a forma ao, cando non está admitida na fala) e; incluso, o goberno. A RAG admitiu estas últimas formas na reforma do 2003, no entanto, a xente está moi afeita a falar igual que se escribe (influencia do castelán) e iso hai que mudalo. Porén, se non se conciencia á xente de que non se fala igual que se escribe, os encargados disto fan igual cá maioría e nos medios de comunicación comezan a escribir cousas do tipo “todos os”; pois a fala galega comeza a perderse.

Eu estou a favor do ao (sempre que se ensine que non se di así), pero non do para, todos os ou sumar os números. Esta é unha opinión persoal, mais o caso é que eu gusto máis do pra, tódolos ou suma-los números. Por suposto, a vosa opinión non ten porque cadrar coa miña e podédela escribir nos comentarios. E, ao contrario do que algunha xente pensa, pra si está admitido no portugués; aínda que as contraccións non levan acento dende o Acordo Ortográfico do 1990.

comentários
  1. Eu seguirei empregando “pra” tanto na fala como na escrita, sempre me gustou así, descoñecía a posibilidade de contracción cos artigos determinados (inda que non esté admitido, todavía).

    Polo xeral, tamén son partidario das contraccións no galego, comentabas por exemplo: “tódolos, e suma-los”, doutra maneira non me parecen “naturais”, opinión persoal, por suposto. De feito, xuraría que cando estudiaba no Instituto era obrigatorio, pode ser?, alá entre o 94 e o 97 máis ou menos.

    Curtido por 1 pessoa

    • Anónimo disse:

      É que cando se comezou a utilizar de xeito xeral “todos os” e “sumar os” foi dende a reforma da normativa do 2003. Antes dese ano, usábase case exclusivamente “tódolos” e “suma-los”. Mágoa que non deixasen iso como estaba antes…
      Polo tanto, se estudaches no instituto antes no 2003, non che afectou a mudanza de normativa.

      Curtir

Deixa o teu comentario