Expresións enxebres

Publicado: 01/11/2016 em Enxebre

Pra facer este artigo baseeime nunha entrada de Debullando a fala (blogue que recomendo visitar), mais eu tentarei ordenar mellor os contidos. Tamén está, en parte, baseado nun artigo do Sermos Galiza publicado polo Isidro Novo.

  • A bálamo, a bao, a barullo, a bater, a carradas, a darlle cun pau, a embute, á envorca, a esgalla, a fartar, ás mans cheas, a mazo, a/ás moreas, a pote, a varrer, ás petadas… – en abundancia (como se ve o galego non carece de formas para evitar usar este calco do castelán, aínda que admitido pola normativa). Ex.: Maña nevará a esgalla nas zonas montañosas.
  • A balavento” é unha expresión que serve para dous conceptos:  que algo ocorra de súpeto (chegou a balavento), e que algo se faga rapidamente e sen orde (estalo a facer a balavento).
  • A chupe – verticalmente, a pique. Ex.: O cantil cae a chupe sobre o mar.
  • A desmán – desviado, fóra do camiño. Ex.: A casa fica a desmán da nosa rota.
  • A/ao doután – sen freo, libremente. Ex.: Vive a doután.
  • A fío – continuamente, seguido, sen interrupción. Tamén se pode usar “decontino”. Ex.: Está chora que chora a fío/decontino.
  • Aí falaches! – ti o dixeches! (< cast: tú lo has dicho), así se fala!
  • Alba non alba – expresión utilizada para marcar unha puntualidade matinal taxativa e que quizais puidese ser traducida por “non ben raie o día”. Exemplo: Mañá, alba non alba, todos preparados para marchar.
  • Andar á pioca – andar a pedir.
  • Andar ás turras – estar desavidos. Ex.: Mellor non as xuntes que andan ás turras.
  • Ao leilán; de cacho para cribo/testo – dun lado para outro. Ex.: Ese asunto faino ir de cacho para testo./ Como non pensa as cousas sempre anda ao leilán.
  • Ao socairo de – ao abrigo/abeiro de. Ex.: Hai que pórse ao socairo daquel portal.
  • A/de pé feito – A propósito, adrede. Exemplo: Esquecín o pan e agora teño que ir de/a pé feito ao forno./ Teño que ir á feira da Gouxa a pé feito por unha fouce.
  • A piques de – a punto de. Ex.: Estivo a piques de apañalo.
  • Á raxeira – ao sol. Ex.: Non te poñas á raxeira que te vas queimar.
  • A repelo – sen gana, a desgusto, de má gana. Ex.: Todo o fai a repelo.
  • A rumbo – sen medida. Ex.: Como non sabía botou a cantidade a rumbo.
  • A seguir – a continuación. Ex: A seguir falaremos do tempo.
  • A vagabán – (aberto) de par en par. Ex.: Deixou a fiestra aberta a vagabán.
  • Á zonza – á espreita, ao asexo, á esculca. Esta expresión úsase claramente menos ca as súas sinónimas. Ex.: Andaba á zonza detrás dela.
  • Beizón – grazas.
  • Botar un xis – botar unha ollada. Ex.: Déixame o xornal que só vou botar un xis.
  • O adverbio “cadora” – continuamente (Ex.: É exaxerado dicir que no outono chova cadora), forma  a expresión:  cadora e cando – de cando en vez. Ex.: Vén por casa cadora e cando.
  • Coma embude a boca de xerro – a pedir de boca. Ex.: Todo lle saíu coma embude a boca de xerro.
  • Dar cheda – botar unha man. Ex.: A ver se me podes dar cheda con isto.
  • Sentir/ter/darse a espiñada – ter un presentimento (en galego sentimos coma  “que se nos crava unha espiña” no canto dunha “corazonada” como en castelán). Ex.: Dáme a espiñada de que me tocará o boleto.
  • De cor – de memoria. Ex.: Sabíase a lición toda de cor.
  • De corde a corde – dun extremo a outro. Ex.: o percurso é de corde a corde. “Corde” tamén se usa na expresión “andar a corde” – andar con tento, andar con tino. Ex.: Anda a corde e non te trabuques.
  • De fío a fondo – de principio a fin, de cabo a rabo. Ex.: Para entendela tes de vela de fío a fondo.
  • Deixar de ollo – perder de vista. Ex.: O neno non o deixaba de ollo.
  • E logo – Esta expresión tan nosa vale tanto para preguntar coma para responder. No primeiro caso serve para suavizar o ton da pregunta (E logo onde vives? E logo que queres?), como  sinónimo de “por que?” despois dunha resposta (–Non o puiden facer. –E logo?) e como forma de saúdo equivalente a “como che vai?” ou “que che contas?”; mais como resposta pode substituír a “pois claro” ou a unha pregunta á pregunta (–Non che gusta o rapaz? –E logo!, –Non vas vir? –E logo?).
  • Estar cheo – estar farto. Ex.: Estou cheo das túas queixas.
  • Estar de tas en bas – estar ao tope. Ex.: O local estaba de tas en bas.
  • Facer mentes – facer memoria. Ex.: Agora fago mentes de todo.
  • Falar en banda – falar por falar. Ex.: Esa sempre fala en banda.
  • Ferrar unha má partida – facerlle unha xogada (a alguén). Ex.: Con esa venda ferroume unha má partida.
  • Gardar o rego” ou “a gardarrego” serven para indicar que algo se fai como se debe, disciplinadamente. Ex.: Fai o choio a gardarrego/gardando o rego.
  • Hai barro na costa – dise cando hai dificultade para realizar algo.
  • Hai boa lei! – expresión utilizada ironicamente cando algo non se ve xusto ou desgusta.
  • Hai que roe-lo chito – hai que se dar por vencido. Ex.: Ás veces hai que roe-lo chito.
  • Manducar a boroa (a alguén) – burlarse (de alguén). Ex.: Deixa xa de manducarme a boroa.
  • Non dar + participio (algo) – non lograr/conseguir + verbo (algo). Ex.: Non dei chegado a tempo.
  • Non era/foi sen tempo, sen tempo non era/foi – xa era hora. Ex.: Sen tempo non era que chegases.
  • Non facer cinsas – non levarse ben. Ex.: Eses dous non fan cinsas.
  • Non ser quen de – non ser capaz de. Ex.: Non eramos quen de levantar a pedra.
  • Non tal – claro que non, de ningún xeito.
  • Nunca tal fixera! – oxalá non o fixese!
  • Nunca tal se viu/pasara/fixen – nunca se viu/pasara/fixen nada igual.
  • Non ter perda – non se poder equivocar/perder; non desperdiciar nada, non sobrar nada. Ex.: O camiño non ten perda; esta carne non ten perda ningunha.
  • “Peneiriño” é unha palabra usada con dúas expresións: “estar no peneiriño” – estar moi ben. Ex.: Ese rapaz está no peneiriño na súa casa. E “traer (a alguén) no peneiriño” – tratar moi ben (a alguén). Ex.: Cando vai á súa casa tráeno no peneiriño.
  • Perder coidado – non se preocupar. Ex.: Verbo do diñeiro perde coidado.
  • Pónteme fóra! – sae de aquí!
  • Por fas ou por nefas – por unha cousa ou (por) outra, querendo ou sen querer. Ex.: por fas ou por nefas sempre atopa unha escusa.
  • Quen mo/cho/llo… dera! – oxalá puidese(s)… ! Ex.: mercar esta casa? Quen cha dera!
  • Sacar de cacho – pór fóra de si. Ex.: Sempre consegue sacarme de cacho. Tamén se pode usar a expresión “sacar dos meus/teus/seus/… trumiños” – sacar de mis casillas (castelanismo)
  • Ser dado – ser amábel, obediente ou de bo trato. Ex.: Esa rapaza éche ben dada.
  • Sen trello nin trambello – sen pés nin cabeza. Ex.: Non se poden facer as cousas sen trello nin trambello.
  • Ser porta de tarabelo – ser pan comido. Ex.: Ese choio é porta de tarabelo.
  • Si tal – claro que si, por suposto (castelanismo).
  • Tal para cal, maragota e media – expresión para indicar que dúas persoas son do mesmo xeito.
  • Tanto ter – dar igual/o mesmo, non importar. Ex.. Tanto ten que veñas ou non.
  • Ter mentes de – ter intención de. Ex.: Non tiña mentes de facelo.
  • Tirar/sacar bicada – sacar proveito. Ex.: Ese non fai ren sen tirar bicada.
  • Tomara – oxalá. Ex.: Tomara veñas á festa.
  • Torcer/virar o fociño – amosar desacordo perante algo. Tamén se pode usar “torcer o bico”. Ex.: non torzas o fociño/bico que che é bo trato.
  • Vaiche boa lúa polo carreiro da illa – expresión utilizada a miúdo cando dúas persoas están falando e non queren que a xente que pasa a carón se entere do contido da conversa.
  • “Vela”, como acción de velar, emprégase en dúas expresións: “andar á vela” – vixiar. Ex.: Convén andar á vela con ese suxeito; e “en vela” – sen durmir. Ex.: Pasei a noite toda en vela.
  • Vir a xeito – ser adecuado/axeitado. Ex.: A resposta do Xián veu moi a xeito.
  • “Xacer” pódese empregar en dúas expresións: “estar de bo/mao xacer” – estar cómodo/incómodo. Ex.: Estaba de mao xacer naquela casa; e “ser de bo/mao xacer” – ser de doado/difícil trato/contentamento. Ex.: Non che é persoa de bo xacer.

Lista de hipergaleguismos

Publicado: 30/10/2016 em Hipergaleguismo

Os hipergaleguismos ou hiperenxebrismos son palabras creadas co fin de distanciarse do castelán, xa sexa intencionalmente ou por confusión e descoñecemento das formas normativas do galego. Non se deben confundir con outros fenómenos coma os dialectalismos, vulgarismos, arcaísmos ou lusismos. Acó tedes unha lista dalgúns dos hipergaleguismos máis usados e que cómpre evitar, polo menos, na escrita. No persoal, eu recoméndovos evita-la maioría destes tamén na fala; bardante casos concretos coma primaveira.

  • Abandoar e abandoo (abandonar e abandono)
  • Adourar (adorar)
  • Antea (antena)
  • Ambente (ambiente)
  • Aprisioar (aprisionar)
  • Asesiño (asasino)
  • Bocadelo (bocadillo)
  • Brilar e rebrilar (brillar e rebrillar)
  • Bruxeiría (bruxaría ou bruxería)
  • Calqueira (calquera)
  • Condea (condena)
  • Conscente (consciente)
  • Cristaíño (cristalino)
  • Curtar (cortar)
  • Destiño (destino)
  • Diferenzábel/diferenzable (diferenciábel/diferenciable)
  • Diferenzalista (diferencialista)
  • Diferenzalismo (diferencialismo)
  • Diferenzar (diferenciar)
  • Diferenzazón/diferenzación (diferenciación)
  • Diviño (divino)
  • Escea e esceario (escena e escenario)
  • Espazal (espacial)
  • Estrano (estraño)
  • Existenza (existencia)
  • Fregoa (fregona)
  • Fror (flor)
  • Gasoliña (gasolina)
  • Hourizonte (horizonte)
  • Humán (humano)
  • Importanza (importancia)
  • Inconvinte (inconveniente)
  • Independenza (independencia)
  • Insuar (insinuar)
  • Libreiría (libraría ou librería)
  • Marabila (marabilla)
  • Mediciña (medicina)
  • Montana (montaña)
  • Norde (norte)
  • Obedencia (obediencia)
  • Oubriga (obriga)
  • Ordear (ordenar)
  • Ordeanza (ordenanza)
  • Orgulo (orgullo)
  • Pacente (paciente)
  • Púbrico (público)
  • Preferenza (preferencia)
  • Primaveira (primavera)
  • Quimeira (quimera)
  • Recurte e recurtar (recorte e recortar)
  • Román  (romano)
  • Sagreficio (sacrificio)
  • Segredario (secretario)
  • Semán (semana)
  • Seveiro (severo)
  • Sinceiro e sinceiramente (sincero e sinceramente)
  • Tortela (tortilla)
  • Trunfo (triunfo)
  • Urbán (urbano)
  • Varoil (varonil)
  • Veterán (veterano)
  • Vixiancia (vixilancia)
  • Voátil (volátil)
  • Zoa (zona)

Lista de arcaísmos galegos

Publicado: 30/10/2016 em Arcaísmos

Os arcaísmos son palabras do galego medieval (maioritariamente, mais tamén poden ser do galego moderno) que hoxe non se aceitan por seren pouco utilizadas ou porque esas palabras evolucionaron e deron lugar a outras.

No entanto, hai vegadas nas que un arcaísmo se recupera, xa sexa co seu sentido orixinal ou para definir novos obxectos que saíron ao mercado. Algúns arcaísmos recuperados foron ren, res e des (por iso non aparecen na lista). Outras palabras seguen vivas no galego, mais con outro significado ou perderon unha ou varias acepcións (macela, pena…) Outrosí hai arcaísmos que, malia perdérense no galego, se conservaron no portugués. Este é o caso de descer, estória, outrem… Igualmente, palabras que son arcaísmos no portugués, están moi vivas no galego; coma o adverbio moi, a conxunción ca, o numeral dous, o órgano ril, as candeas (candeias)…

Durante o século XX, algúns autores da nosa literatura usaron arcaísmos nas súas obras (como pode se-lo caso de outo ou vegada). Mais, deixaron de usarse dende que se creou unha norma culta no 1982. Eu penso que algúns arcaísmos si deberían seren recuperados, como se fixo con ren ou des; xa que darían unha maior riqueza léxica á nosa lingua (temos moita, pero queremos máis). É unha mágoa que non aproivetásemo-lo esforzo que fixeron eses autores por recuperaren algúns arcaísmos, por tentaren resucitalos; mais aínda non é tarde. Que unha verba deixe de ser un arcaísmo ou pase a selo depende dos falantes que usan esa lingua acotío. Aínda que unha palabra non apareza nos dicionarios non significa que non se poida usar. Polo tanto, todo depende de vós.

Nesta lista non está incluídos dialectalismos (coma eiquí) ou palabras medievais que evoluiron (coma coor, braadar, ygreia, uã). Unha vez dito isto, velaquí tede-la lista:

Ren, res e nada

Publicado: 23/10/2016 em Arcaísmos, Enxebre

Os indefinidos ren e res son dous arcaísmos que foron recuperados. A definición destas palabras son ningunha cousa ou moi pouca cousa. Algúns exemplos son:

Son moi pobres, non teñen ren.
Non come ren.
Non fai ren.
Comeron toda a sobremesa, non queda res.

Aínda que a RAG trae como sinónimo destas palabras nada, eu fago unha distinción antre este termo e ren ou res. Nada é ningunha cousa, co cal cando se di “Non comeu nada”; significa que non probou bocado, que viu a comida e dixo “Non teño fame, vou durmir” (por poñer un exemplo). Mais cando se di “Non comeu ren”, eu úsoo pra referirme a que lle deu unha ou dúas chanchadas (ou unha ou dúas culleradas, dependendo do prato) e despois xa non quixo máis. Pero se non probara nin un só bocado diría directamente “Non comeu nada”.

Iso si, esa é unha distinción persoal que fago entre esas 2 palabras, que non ten porque coincidir coa vosa. Pódese usar nada pra referirse a “pouca cousa” ou ren pra referirse a “ningunha cousa” e viceversa (como ben recolle o dicionario da Real Academia Galega). Mais existindo eses 2 termos, eu prefiro facer esa distinción. Estou seguro de que tamén hai palabras que o dicionario trae como sinónimos e vós, dependendo do contexto, usades unha opción ou outra.

Por último, embora ren só teña unha acepción (a que se dixo neste artigo, ainda que hai unha unidade de física nuclear chamada rem), res ten máis significados. Res pode significar cabeza de gando (un rabaño de cincocentas reses), raso, barbatanas laterais dalgúns peixes… Ademais, res non é unha palabra exclusiva do galego e do portugués (nesa lingua existe res, mais non co sentido que se falou neste artigo. E rem tamén existe no portugués, pero ren non), xa que tamén existe noutras linguas coma o catalán.

Chover a cachón

Publicado: 31/05/2016 em Enxebre

Cantas ouviriamos a expresión chover a cántaros. E de certo que serían máis de termos en conta que en castelán se di llover a cántaros, polo tanto, a expresión é a mesma nas dúas linguas. Televisión, xornais, páxinas web, videoxogos, libros, amigos… É bastante díficil que alguén non escoitara nunca esta expresión, aínda que fose en castelán. Esta expresión, malia que poida parecer que non, tamén existe no galego e; aínda que penso que xa o saben todos, significa chover abundantemente e moi forte. Probabelmente, a influencia do castelán e o seu parecido, levou ao éxito desta expresión. Outras expresións coma esta serían chover a cachón, chover a chuzos, chover a mares, chover a retortoiro, chover a xerros, chover a Deus dar, chover a canados, chover a potes, chover a sellas e chover a cimbra-ceos. Todas estas expresións podédelas consultar no dicionário Estraviz e no RAG. Por certo, cantos de vós escoitastes a expresión “chover a cachón”? Ou “chover a xerros”? Unha cousa téñoa clara. Escoitase ou vese escrito máis veces “chover a cántaros” ca “chover a cachón”. Ou, polo menos, é así no meu caso. Non sei se haberá algunha excepción. Tomara.

Despois tamén están os verbos arroiar e diluviar que significan o mesmo cás anteriores expresións. E, por suposto, podemos optar por frases do tipo “Como chove!” ou “E deulle por chover” e, incluso, engadirlle algún carallo dependendo da situación.

Pra que?

Publicado: 08/05/2016 em Non admitido

Pra é unha forma sincopada ou reducida de para. Pra pode contraer cos artigos determinados o, a, os e as dando como resultado as contraccións pró, prá, prós e prás.

Esta forma é menos recomendábel, na escrita, pola Real Academia Galega ca para. Pódese usar na fala esta forma sen ningún problema, mais na escrita é preferíbel usar para. Antes da década do 1980, esta forma era maioritaria e estaba moi espallada. De feito, se vos fixades, esta forma é a que usa moita xente maior. Con todo, dende a elaboración das normas, esta forma foi perdendo uso e arestora, entre os máis novos, case todos usan para (dos que falan galego, que non é que sexan moitos). Esta dinámica é moi habitual ultimamente; formas moi usadas na fala noutrora como pra, ó, tódolos ou gaña-los cartos están a perder influencia a favor de para, ao, todos os ou gañar os cartos. Sen dúbida, a meirande parte da culpa tena a educación, a Galega (cada vez escóitase máis a forma ao, cando non está admitida na fala) e; incluso, o goberno. A RAG admitiu estas últimas formas na reforma do 2003, no entanto, a xente está moi afeita a falar igual que se escribe (influencia do castelán) e iso hai que mudalo. Porén, se non se conciencia á xente de que non se fala igual que se escribe, os encargados disto fan igual cá maioría e nos medios de comunicación comezan a escribir cousas do tipo “todos os”; pois a fala galega comeza a perderse.

Eu estou a favor do ao (sempre que se ensine que non se di así), pero non do para, todos os ou sumar os números. Esta é unha opinión persoal, mais o caso é que eu gusto máis do pra, tódolos ou suma-los números. Por suposto, a vosa opinión non ten porque cadrar coa miña e podédela escribir nos comentarios. E, ao contrario do que algunha xente pensa, pra si está admitido no portugués; aínda que as contraccións non levan acento dende o Acordo Ortográfico do 1990.

Perguntar

Publicado: 07/05/2016 em Non admitido

Esta forma é a normativa no portugués e provén do latín percontare, aínda que no galego a forma oficial é preguntar. No entanto, isto non significa que non se atopen nas obras literarias galegas o uso de perguntar. Por exemplo, varios autores que escribiron antes da Guerra Civil usaron a forma perguntar, aínda que fose ocasionalmente (coma Castelao). Porén, dende a Guerra Civil, o uso desta forma foi minguando a favor de preguntar; ata o punto de que arestora custa atopar a alguén que use perguntar e non preguntar. Sen dúbida, a prohibición do galego na Guerra Civil (sumado ao feito de que non se publicaron obras na nosa lingua) xunto a crecente castelanización da nosa lingua, levaron a que formas coma perguntar (entre outras) desapareceran case por completo.

Agora mesmo, en case tódolos libros que se publican no galego e case tódolos galegos usan preguntar. Se preguntar é ou non un castelanismo, neste caso é subxectivo. Na miña opinión; como mínimo, terían que admitirse as dúas opcións. Eu prefiro perguntar porque tamén se usa no portugués, aínda que o feito de que preguntar se use no castelán non significa que non sexa unha palabra galega. Por iso, penso que a mellor opción é admitir as dúas formas; así cada un podería escoller a forma que preferise.